A ICC Week incorpora á súa programación o encontro “A radio e Ourense”, cos xornalistas Pepa Fernández, Nora Sola e Moncho Blanco

A mesa celebrarase o mércores 19 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a partir das 20,30 horas. Terá entrada libre, como o resto de propostas desta novena edición da ICC Week

Pepa Fernández, con raíces ourensás, é a presentadora do matinal de fin de semana de RNE “No es un día cualquiera”. E Nora Sola e Moncho Blanco son figuras referenciais da radio ourensá das últimas décadas

AVANTAR ACTIVIDADES

Este encontro completa a aposta da Ourense ICC Week por poñer en valor a importancia da radio dentro das industrias culturais, nunha novena edición que tamén contará con Carlos Alsina -xunto ao seu equipo de “Más de Uno”- e abordará o fenómeno de Rock FM, con Vicente “Mariskal” Romero

Ourense, 14 de abril de 2023.- A novena edición da Ourense ICC Week, que se celebra do 17 ao 23 de abril, incorpora á súa programación o encontro “A radio e Ourense”, cos xornalistas Pepa Fernández, Nora Sola e Moncho Blanco. A cita, con entrada libre, celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel o vindeiro 19 de abril a partir das 20,30 horas. 

Este encontro completa a aposta da Ourense ICC Week por poñer en valor a importancia da radio dentro das industrias culturais e creativas, nunha novena edición que tamén contará con Carlos Alsina e o equipo de “Más de Uno”, programa que emitirán en directo dende o Teatro Principal o vindeiro venres 21 de abril a partir das 06,00 horas. E ese mesmo día, en colaboración co Foro La Región abordarase o fenómeno de Rock FM, nunha cita no Centro Cultural Marcos Valcárcel (20,00 horas) que contará co xornalista e produtor Vicente “Mariskal” Romero, xunto ao xefe de produto en Rock FM, Jorge Vileilla, e o director de Rock FM Motel, Rodrigo Contreras. 

Todas estas propostas, xunto co resto da programación da novena edición da Semana de Industrias Culturais e Creativas, serán de entrada gratuíta. 

Presentadora de “No es un día cualquiera” e dous referentes da radio ourensá

Pepa Fernández, de raíces ourensás, é a presentadora do emblemático matinal de fin de semana de RNE, “No es un día cualquiera”, un programa e un formato que retomou xunto ao seu equipo habitual en setembro de 2022 despois dunha frutífera primeira etapa de dúas décadas (1999-2019). Ela é, sen dúbida, unha das figuras máis representativas do audiovisual estatal -tamén traballou en televisión-, cunha prestixiosa traxectoria moi recoñecida na profesión e na que ten recibido premios do prestixio do Premio Nacional de Periodismo ou dous Premio Ondas. Ademais, Pepa Fernández publicou varios libros e é profesora de comunicación na Universidad Ramón Lllull. 

Pola súa banda, Nora Sola e Moncho Blanco son dous referentes da radio ourensá na últimas décadas. Ambos comparten unha longa traxectoria profesional, na que foron impulsores de numerosos programas e proxectos en diferentes emisoras, sempre poñendo o seu propio estilo e personalidade ao servizo da audiencia. 

A conversa de Pepa Fernández, Nora Sola e Moncho Blanco permitirá á audiencia coñecer anécdotas de cadansúa biografía, poñendo en común o que supón para eles a radio e o papel deste medio de comunicación na evolución do Ourense contemporáneo.

Máis de vinte propostas arredor da Intelixencia Artificial, a moda ou o audiovisual

A novena edición da Ourense ICC Week, baixo a organización da Deputación de Ourense, celebrarase nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia, ofrecerá ao público máis de vinte propostas para coñecer as últimas tendencias da industria e da creación cultural. Un amplo programa de actividades que abordarán desde a perspectiva cultural aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, ciencia, a estrea de producións audiovisuais, música, moda, radio, o emprendemento no rural e ata os camiños de Santiago. 

Toda a información da novena edición da ICC Week, na súa web https://ourenseiccweek.com/es/