Marina Ortega do grupo socialista reclama no parlamento unha matrona adicional no centro de saúde do Carballiño

Marina Ortega reivindica o aumento da atención xinecolóxica a un mínimo de tres días á semana e o reforzo do servizo de Pediatría

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023. A parlamentaria socialista Marina Ortega reclamoulle hoxe á Consellería de Sanidade que incremente unha praza de matrona no Centro de Saúde do Carballiño. Ortega presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que se dirixiu ao director xeral de Asistencia Sanitaria para reclamarlle que aumenten a atención xinecolóxica a un mínimo de tres días á semana, reforzando os servizos Xinecoloxía e de Pediatría.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega urxiu a reforzar este servizo para O Carballiño por canto é unha das localidades con maior natalidade nunha provincia na que a caída demográfica está a ser un problema de primeira orde. A responsable socialista presentou no Parlamento unha demanda unánime nun concello con máis de 14.000 habitantes, cabeceira dunha comarca que suma preto de 30.000 habitantes, e lembrou o acordo parlamentario de hai máis de un ano para ampliar a cobertura sanitaria na Comarca.

Explicou que a matrona titular da única praza está de baixa dende fai moito tempo, e ten que ser cuberta con outras profesionais, que ofrecen un servizo acaído pero que require do incremento dunha praza a maiores. Ademais, o servizo de Pediatría tan só abre en horario de mañá, e advertiu “non existe en horario de urxencias”, obrigando a desprazamentos ata o Hospital de Ourense, polo que reclamou o seu reforzo cun servizo de urxencias “para evitar sustos”.

A parlamentaria socialista lembrou que o reforzo do servizo sanitario no Carballiño é unha demanda que ven de vello dende o Concello e do propio Grupo Socialista, que lle reclama á Xunta que “reconsidere” reforzar o servizo nunha comarca que “non quere ser máis, pero tampouco menos que ningún outro lugar”.

Sinala que “a sanidade é un dos servizos prioritarios e condicionantes” para o “benestar e asentamento” da poboación. Tendo en conta que Ourense é a provincia con “peores datos demográficos” a parlamentaria socialista resalta que o goberno galego debe exercer políticas que garantan servizos coma a sanidade pública.

Sinala que dende a Asociación Galega de Matronas alertan do momento de gran dificultade para a contratación de matronas debido ás frecuentes e próximas xubilacións, tamén polos anos nos que non houbo formación de matronas (1986-1994) e polas pésimas condicións laborais que se lles ofrece a través do SERGAS. Por iso, emprazan aumentar a acreditación de novas prazas EIR de matrona, para que nos vindeiros anos poda solventarse este problema xeracional.