O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicitará ao Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática que incoe o expediente de declaración.
• O Comité solicitará unha entrevista co Subdelegado do Goberno en Ourense, quen na súa visita á escavación en decembro pasado xa mostrou a súa disposición para avanzar nos traballos de recuperación da memoria ao redor da fosa.
Celanova, 14 de abril de 2023.
O informe histórico, realizado polo Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, e o informe forense, a cargo do Instituto de Medicina Legal de Galiza, publicados ambos esta semana, determinan que a Fosa dos asturianos do cemiterio de San Breixo en Celanova é un lugar de memoria.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, á vista destes informes, solicitará ao Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática que incoe o expediente de declaración da Fosa dos asturianos de Celanova como LUGAR DE MEMORIA, conforme á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática.
En concreto, o informe histórico asinado por Histagra, encargado da coordinación en Galiza do Plan Estatal de Exhumacións 2021-24, sinala (páxina 4): “A día de hoxe, a fosa é un espazo de memoria no que se recorda e conmemora ás vítimas da guerra civil grazas á actividade do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova”.
Mentres, o informe forense, asinado por Fernando Serrulla e Jordi Ramos, no capítulo de conclusións indica (páxina 62): “El lugar donde se ha practicado la exhumación debe considerarse a todos los efectos un Lugar de Memoria de conformidad con lo establecido en los artículos 49 a 53 de la Ley de Memoria Democrática”.
Ambos documentos foron feitos públicos esta semana a través da páxina web do proxecto Nomes e Voces (http://fosas.nomesevoces.net/).
O Comité solicitará unha entrevista co Subdelegado do Goberno en Ourense para que se dea curso á petición. O propio Subdelegado, na súa visita á escavación en decembro pasado a convite do Comité, mostrou a súa disposición para avanzar nos traballos de recuperación da memoria ao redor da fosa. En maio de 2021, o Comité xa se reuniu co Subdelegado para facerlle entrega do informe sobre o símbolo falanxista do Outeiro da Obra e solicitar a súa retirada en aplicación da lei.