O Psdeg-Psoe de Ourense propón crear un consello municipal de multiculturalidade para atender as necesidades das persoas migrantes na cidade

Candidatos da formación presentaron algunas das medidas do programa electoral ante colectivos de diferente orixe nun encontro distendido e participativo no que se escoitaron tamén as súas demandas

Vemos a diversidade como unha oportunidade e queremos crear as condicións necesarias que fagan de Ourense unha cidade inclusiva e cohesionada”, explicou Carlos Montero, membro da candidatura

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 25 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense organizou un acto multicultural para abordar e escoitar as problemáticas dos diferentes colectivos inmigrantes que residen na cidade e poder presentar as propostas do programa electoral que porán en marcha no caso de gañar as vindeiras eleccións. O secretario provincial de migracións, Luis Gulín; o aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez; a secretaria de políticas sociais do PSdeG, Marga Martín e os integrantes da candidatura Carlos Montero e Olalla Meiriño foron algúns dos asistentes ao encontro por parte da formación.

Entre as medidas que propuxeron os socialistas está a posta en marcha dun Consello Municipal de Multiculturalidade para poder canalizar a participación das persoas pertencentes a diversas procedencias para que o encontro de onte teña continuidade no tempo. A través de dito consello poderían elaborarse plans de fomento da diversidade das persoas que viven en Ourense e dar resposta ás súas demandas, abrindo espazos para desenvolver actividades a prol do conxunto da sociedade.

A creación duna Oficina Municipal de Apoio á Migración, que sirva como punto estratéxico para resolver dúbidas, ou dun programa de inserción social e laboral específico para este colectivo son outras das iniciativas que o PSdeG-PSOE da cidade quere implementar a partir do 29 de maio.

Marga Martín, de extensa traxectoria no ámbito social, lembrou que cando o partido socialista goberna os dereitos das persoas están sempre no centro e ocupan un lugar relevante. Así mesmo, incidiu en que urxe detectar e evaluar “posibles sesgos discriminatorios na prestación dos servizos públicos ou que poidan ter lugar na cidade” para correxilos.

Sobre as propostas presentadas, subliñou que a integración debe ser bidireccional, ou carecería de sentido. “Hai que promover que a participación cidadá dos migrantes sexa fluída e que, á vez, estas poidan contribuír coa súa riqueza cultural e bagaxe. Para elo tamén hai que traballar para que a sociedade de acollida entenda os valores que aporta a multiculturalidade ao desenvolvemento de Ourense”, destacou.

“Ourense estase a converter nunha cidade cada vez máis diversa, onde conviven persoas de diferentes orixes nacionais e con distintas culturas. Nós vemos esta nova situación como unha oportunidade e queremos crear as condicións necesarias que fagan de Ourense unha cidade inclusiva e socialmente cohesionada”, explicou durante o acto Carlos Montero, técnico de emprego e orientador laboral con colectivos en risco de exclusión.

Montero, que ademais é integrante da candidatura socialista para as eleccións municipais, engadiu que desde o partido son conscientes “das necesidades específicas de atención que precisan pola vulnerabilidade á que están expostos” e que resulta prioritario trazar intervencións concretas para solventalo.

Representantes de diversas asociacións que defenden os dereitos dos migrantes procedentes de Senegal, Venezuela ou República Dominicana asistiron para trasladar as preocupacións e principais trabas que atopan en Ourense para ter un proxecto de vida con todas as garantías básicas atendidas.

Entre esas preocupacións está a de non contar cun programa para poder mellorar os currículos laboráis e acceder en boas condicións ao mercado laboral ou a ausencia dun cemiterio musulmán no que poder enterrar aos seus falecidos sen ter que repatrialos aos países de orixe. Isto último fai que poidan nacer en Galicia pero non morrer ou ser enterrados segundo os ritos da súa relixión.