A compatibilidade feiral, deportiva e sanitaria marcou a actividade de Expourense en 2022

A Fundación Expourense presentou esta mañá os datos de 2022, 12 meses de intensa actividade nos que tivo que volver compatibilizar a actividade feiral, a deportiva e a sanitaria ao ser elixido de novo como centro de vacinación masiva contra a COVID-19. As instalacións de Expourense convertéronse en centro de vacinación masiva contra a COVID-19 albergando durante 63 días a vacinación infantil e a de reforzos en adultos. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e sanitario) superaron as 240.000 visitas ao recinto

Actividade feiral

AVANTAR ACTIVIDADES

Expourense organizou en 2022 a metade das feiras internacionais celebradas en Galicia o pasado ano, 3 de 6. Estas citas foron Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios), Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar) e Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico).  A Alta Velocidade na conexión con Madrid e a celebración do Dobre Ano Santo Xacobeo 21-22 marcaron boa parte destas actividades, especialmente aquelas vencelladas ao turismo.

Dentro da actividade feiral en 22, convén destacar que neste ano se pechou a próxima edición de Termatalia que se celebrará en Uruguai no mes de outubro deste ano. A presentación da memoria de hoxe contou coa presenza do Cónsul deste país en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, que veu visibilizar a cooperación entre Expourense e o Ministerio de Turismo do Uruguai na organización de Termatalia 2023.

Ademais das tres citas internacionais arriba mencionadas, Expourense organizou en 2022 outras cinco citas feirais: Previsel, Car Outlet, Antiq Auria, Salón do Automóbil Novo e de Ocasión e Sportur Galicia. Estas citas reuniron a un total de 536 expositores. No referente á procedencia dos expositores, das visitas e dos asistentes ás actividades formativas propostas pola Fundación (ben presencial ou ben virtual), pódese falar de 30 países representados.

Estes datos confirman a Expourense como servizo público á disposición do tecido produtivo ourensán e como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, a industria funeraria, o turismo activo ou a automoción.

Eventos

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha quincena de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.

O primeiro evento do ano foi o Foro que analizou as oportunidades para Galicia da chegada do AVE e que contou coa participación do daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e dos exministros de Fomento, Ana Blanco e José Blanco. Coincidindo coa actividades vencelladas á celebración do Dobre Ano Santo Xacobeo 21-22, o recinto acolleu o concerto de Placebo no mes de agosto e o Festival “OUR Xacobeo Fest” no mes de setembro.

As instalacións de Expourense convertéronse no aeroporto de Ourense na rodaxe do filme “Amigos hasta la muerte” de Javier Veiga e tamén foron elixidas por entidades como ASICOTUR ou a empresa Saltoki para impartir formación aos seus asociados ou clientes.

A estas actividades súmanse xa outros eventos habituais como o Rallye de Ourense ou a gala de entrega do VI Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia. Tamén foron as instalacións elixidas para ofrecer lecer ás familias ourensás acollendo ao longo do ano unha exposición interactiva de dinosaurios e dous circos.

Formación

No 2022, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Neste ano organizáronse dous congresos internacionais vencellados a dúas citas feirais. O primeiro deles foi o II Congreso Internacional de Directivos Funerarios celebrado de xeito paralelo a Funergal e que foi seguido por 400 profesionais de 6 países. A outra cita formativa foi o Congreso Internacional de Turismo Deportivo organizado dentro de Sportur Galicia e que contou con máis de 500 inscritos de 6 países.

A estes congresos hai que sumar as xornadas técnicas organizadas en feiras como Previsel, Termatalia e Xantar. No 2022 participaron nas actividades formativas de Expourense 260 relatores e máis de 7.000 asistentes.

Posta en valor da innovación e a calidade

A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados nos sectores económico converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento. Deste xeito, Expourense entregou no 2022 unha nova edición dos premios “Funergal Internacional”, os “Premios Xantar Internacional” e da Cata Internacional de Augas de Termatalia

Actividade deportiva

Dende finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2022, acolleu 35 competicións deportivas que reuniron a un total de 16.000 visitas.

O LVIII Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta celebrado nos mes de febreiro foi a cita deportiva máis importante do ano onde se deu cita a práctica totalidade do atletismo nacional.

Ademais das competicións, a pista de atletismo rexistrou actividade a diario a través das sesións de adestramento que se realizaron durante a tempada de pista de 2022 e que foron máis de 3.100 (case o triplo que o ano anterior). Isto que acredita que, cada vez máis, a Pista Cuberta de Expourense é vista como unha instalación de uso cotián por parte dos atletas de toda Galicia.

Máis alá do atletismo, unha das novidades de 2022 foi a reconversión do pabillón de Expourense nunca cancha polideportiva que acolleu distintas probas e campionatos doutros deportes como o hockey sala ou o badminton (Campionato Galego de Hockey Sala; Copa Deputacion de Ourense de Badminton e Campionato Intercentros de Hockey).

Actividade sanitaria

As instalacións de Expourense foron elixidas un ano maís pola Consellería de Sanidade para seren convertidas en centro de vacinación masiva de Galicia, actividade que tivo que compatibilizarse coa celebración e feiras, eventos e competicións deportivas. Nestas instalacións vacinouse a menores e púxose a vacina de reforzo a adultos durante un total de 63 días e foron inxectadas un total de 107.893 doses das distintas vacinas.

Todos estes datos están recollidos na Memoria de Actividades de Expourense 2022 que pode consultarse na súa páxina web.