O grupo socialista reclama un plan educativo específico para o rural galego

Noelia Otero esixe un ensino “en igualdade de condicións con independencia do lugar de residencia”

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023. A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, reclamoulle hoxe ao goberno galego un Plan educativo específico para o rural galego. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento para reclamar un ensino “en igualdade de condicións con independencia do lugar de residencia” que sen embargo foi rexeitada polo PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

Noelia Otero pediulle á Xunta que despregue unha estratexia específica para o ensino rural “en colaboración co conxunto da comunidade educativa” co obxectivo de “atallar as desigualdades que padece o alumnado e profesorado do rural”. Nesta proposta pide que inclúa “todas as accións e os recursos necesarios para fornecer e garantir unha educación de calidade, inclusiva e equitativa” e para que o ensino público de calidade sexa “un dereito efectivo” para todos os nenos e nenas.

A parlamentaria socialista emprazou a “protexer o sistema educativo, dotalo de calidade e garantir a igualdade”, e advirte da “precariedade e inestabilidade” nos propios profesionais da educación que traballan nos centros rurais. Considera ademais “incuestionable” que o alumnado con necesidades de apoio e reforzo educativo no medio rural vese “aínda máis prexudicado polos recortes de profesorados baseados na frialdade dos números”.

Reivindica un acordo político para garantir “unha carteira de servizos mínimos irrenunciables” que camiñen “na recuperación de servizos”, facendo unha aposta de planificación e orzamentaria “cuxo punto de partida poña no foco a realidade do ámbito rural, totalmente distinta do urbano”. Acusou ao goberno galego de deixar “á deriva” os servizos no rural, consolidando e acelerando o esmorecemento deste medio.

Avogou por iso polo reforzo dos servizos do interior de Galicia, sinaladamente o ensino, atendendo á demanda da Confederación de Anpas Galegas, que reivindican “que as nenas e os nenos do rural galego poidan gozar dos mesmos dereitos que o resto de nenas e nenos do país”.