O Psdeg-Psoe logra o acordo unánime do pleno da Deputación de Ourense para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de media distancia

Os e as socialistas destacaron que os actuais servizos, en liñas xerais, son rápidos e cómodos”, pero “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”

O pleno aprobou outra iniciativa para reclamar axudas para as familias dos nenos e nenas con tratamentos oncolóxicos, así como a implantación deste servizo no Hospital Universitario de Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 28 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de Media Distancia de Galicia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo empregando as liñas de alta velocidade existentes.

Concretamente, a iniciativa aprobada pide a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia de relacións a partir das 19:50 horas. Tamén atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

Igualmente foi aprobada a petición de crear seis relacións diarias, en ambos sentidos, entre as provincias do sur de Galicia, que conecten Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, aproveitando a variante de Conxo e “evitando transbordos en Santiago que penalizan a duración e eficiencia das viaxes, nada competitivas fronte á autoestrada”. Así mesmo foi referendada unha ampliación de trens entre A Coruña e Vigo, establecendo servizos, en ambas as direccións, ás 06:00 e ás 08:00 horas.

O pleno da Deputación Provincial tamén pide mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos, recuperando os suprimidos pola pandemia e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas polas plataformas de usuarios e usuarias.

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

Por último, tamén aprobaron pedir a Renfe ao aumento dos puntos de venda e atención presencial en Ourense (un máis), xa que, na actualidade, só existen dúas xanelas nesta estación que aumentou a súa demanda considerablemente nos últimos anos, tras sumar 1,8 millóns de viaxeiros e viaxeiras durante 2022 e “cunhas previsións de seguir incrementando esta cifra”.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos aprobados polo Goberno central, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.

Oncoloxía pediátrica

Na mesma sesión, os e as socialistas impulsaron outra iniciativa para reclamar axudas para as familias dos nenos e nenas con cáncer que deben ser tratados fóra da provincia, así como a creación dunha unidade especializada en oncoloxía pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para evitar, precisamente, estes indesexables desprazamentos durante períodos de tempo tan prolongados. A moción foi aprobada cos votos de todos os grupos políticos da corporación.

O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que este é “unha das solicitudes máis necesarias do mandato” entre as impulsadas polo grupo socialista, porque “fala da saúde das nosas crianzas” que “deben saír da provincia” para recibir un tratamento para “sobrevivir”. Igualmente recordou que a norma que actualmente regula compensacións económicas por este motivo quedou totalmente desfasada, xa que acumula un cuarto de século de antigüidade.

“Estes desprazamentos supoñen un importante gasto económico, en moitas ocasións inasumible, xa que, ademais das viaxes, implica unha mudanza forzosa das familias”, dixo ao pleno tras destacar o papel de asociacións que suplen unhas axudas que “deberían prestar as administracións públicas desde hai tempo”. “Algunhas das familias ourensáns que tiveron que tratar aos seus pequenos ou pequenas en Vigo relatan dramas como ter que durmir nos seus vehículos porque non teñen outra posibilidade”, destacou Villarino.

O texto aprobado pide “aprobar axudas económicas, mediante a fórmula legal que mellor aconsellen os técnicos, destinadas ás familias de nenos e nenas residentes en Ourense, afectados ou afectadas por enfermidades oncolóxicas, que se ven obrigadas a desprazarse a outras provincias para que os seus pequenos e pequenas sobrevivan”.

Así mesmo, insta á Xunta a “reequilibrar o sistema galego de atención no ámbito da oncoloxía pediátrica, creando no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense unha unidade específica deste servizo, de referencia interprovincial e que atenda aos nenos e nenas de todo o interior da comunidade, evitando que a duplicidade nunha mesma provincia provoque que outras dúas carezan desta prestación, motivando adversos e prolongados desprazamentos forzosos das familias afectadas”.

“A estraña e irracional distribución dun servizo tan esencial, na que unha das catro provincias galegas (A Coruña) conta con dúas unidades moi próximas, mentres que outras dúas provincias (Ourense e Lugo) non teñen ningunha, provoca que moitas familias teñan que trasladarse durante longos períodos, incluso anos, a outras cidades, para que os seus fillos e fillas reciban tratamento para non morrer”, denuncian desde o PSOE ourensán.

Segundo a información facilitada polas asociacións, unha media anual de cinco familias da provincia de Ourense precisa de axuda económica ou de solucións habitacionais alleas prestadas por asociacións, para facer fronte a este período.