O Psdeg-Psoe presenta a súa candidatura en Parada de Sil co obxectivo de continuar traballando para “seguir construíndo un municipio mellor e con futuro”

O candidato socialista e actual alcalde, Aquilino Domínguez, subliñou que se presenta novamente “motivado por darlle continuidade a este proxecto socialista que comecei fai catro anos e con este equipo humano, co que tiven a sorte de poder contar nesta andadura”

Paco Magide aproveitou para poñer o foco en que a lista socialista “está conformada por veciños de Parada de Sil, que pensan e traballan arreo polo noso municipio”, circunstancia que segundo explicou “non acontece nas listas do PP, do BNG e de Podemos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Parada de Sil, 28 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a súa candidatura en Parada de Sil de cara aos vindeiros comicios electorais que se celebrarán o 28 de maio. Aquilino Domínguez Díaz encabezará a lista socialista co obxectivo de continuar traballando para “seguir construíndo unha Parada mellor e unha Parada de Sil con futuro”.

O acto celebrado no salón de actos do concello de Parada de Sil contou coa presencia de ducias de veciños e veciñas, que non quixeron perderse a posta de largo da candidatura socialista. No mesmo, tamén estiveron presentes varios cargos políticos do partido na provincia, así como numerosos militantes.

O actual alcalde de Parada de Sil e candidato á alcaldía, Aquilino Domínguez Díaz, subliñou durante a súa intervención que se presenta novamente “motivado por darlle continuidade a este proxecto socialista que comecei fai catro anos e con este equipo humano, co que tiven a sorte de poder contar nesta andadura”. O cabeza de lista socialista sinalou que nos últimos 4 anos “fixemos uns investimentos en obras e infraestruturas por un importe nada depreciable de 2.481.121,36 euros” e destacou catro das principais obras como foron as beirarrúas na zona da Ribeira, as infraestruturas da zona da montaña, o miradoiro do chan e aparcadoiro en Parada de Sil ou a instalación de alumeado LED.

Domínguez Díaz aproveitou a súa intervención para destacar cal vai ser a folla de ruta para o próximo mandato, no que segundo afirmou “impulsaremos a xestión e participación cidadá, seguiremos apostando por melloras nas infraestruturas, impulsaremos aínda máis un piar fundamental como é o turismo rural, apostaremos pola acción social, seguiremos promocionando e impulsando a cultura e o deporte, apostaremos pola comercialización e transformación de produtos, melloraremos a eficiencia enerxética, apoiaremos o mercado laboral e seguiremos apostando pola vivenda, pondo a disposición de traballadores e emprendedores novas vivendas”.

Pola súa banda, o actual tenente de alcalde e concelleiro de cultura, Francisco Magide Bizarro, resumiu o proxecto socialista en Parada de Sil en tres ideas clave “compromiso con Parada, é dicir que traballaremos para toda a veciñanza como é a nosa obriga independentemente de amizades ou cores política; traballo arreo todos os días para acadar todas as melloras necesarias para a vida da veciñanza e a estadía dos visitantes que xeran emprego e riqueza; e a ilusión, a mesma que no 2007, a pesares de que moitas veces sentimos a soidade por falta de axudas da Xunta e especialmente da Deputación de Ourense”.

Paco Magide tamén aproveitou para poñer o foco en que a lista socialista “está conformada por veciños de Parada de Sil, que pensan e traballan arreo polo noso municipio”. Neste senso afirmou que a lista do PP “encabézaa unha persoa, que a parte de non estar empadroada en Parada, en catro anos non fixo unha soa proposta, nin unha soa intervención nos plenos”. Situación similar co BNG, onde Magide explicou que “encabeza unha persoa que tampouco está empadroada en Parada de Sil e na mesma lista figuran persoas que tampouco están empadroadas, o que significa que non contribúen a aumentar os cartos que aporta o Estado ou a Xunta por número de habitantes”.

A deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón Vázquez, destacou a importancia de Parada de Sil, “cunha riqueza, beleza natural e contorna privilexiada, que sen dúbida hai que poñer en valor, como ten feito este alcalde, que soubo sacar o mellor posible deste municipio, cun traballo incansable”. A parlamentaria socialista puxo o foco tamén en que o proxecto socialista “foi quen de facer medrar a Parada de Sil, algo que sen dúbida seguirán facendo Aquilino e o seu equipo”.