Ramilo, López, Gayoso e Uzal, os primeiros gañadores da tempada 2023 en autocross

O Campionato de Galicia de Autocross arrincou este sábado 29 de abril coa edición número 27 do Autocross de O Castro, en Taragoña (Rianxo).

A proba de debut da tempada 2023 do autocross autonómico contou con 39 equipos na liña de saída dun trazado sinuoso e técnico, no que a choiva fixo acto de presenza intermitente.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta primeira data puntuable do Campionato Galego, o vencedor dentro da categoría Carcross Júnior foi Daniel Gayoso, que superou nunha fermosa e competida final a Diego García, co que intercambiou posicións durante os compases iniciais da manga definitiva. Completou o podio Iago Rodríguez, con Yésica Lorenzo en cuarto posto.

Entre os vehículos de menos de 1.600 centímetros cúbicos, triunfo final para Rubén Uzal, con Eloy Castro no segundo lugar da clasificación.

Na categoría de máis de 1.600 centímetros cúbicos, dominio absoluto na final para Jon Ander López co Citroën Saxo. A continuación situouse Daniel Castro, o único capaz de seguir o ritmo do vencedor. O terceiro posto final, nunha bonita competición no trazado coruñés foi para Enrique Castro, co Seat Ibiza.

Por último, entre os Carcross, primeiro posto para Javier Ramilo, aos mandos do Yacar Cross. O segundo posto da clasificación final foi para Antón Muiños co vixente campión de Europa júnior de Autocross, Miguel Gayoso, no terceiro escalón do podio.