- STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA denuncia unha campaña de “medo e desinformación” nas aldeas do Val do Salas por parte dun suposto representante de Four Winds, que está a ofrecer contratos falsos sobre terreos afectados por unha liña de alta tensión que non está aprobada.
O Club Parapente Baltar celebrou este domingo no Larouco, unha zona seriamente ameazada polos proxectos macroeólicos, unha xornada de convivencia no arranque da tempada de eventos. O Club Parapente Baltar informou de que segue á espera dunha resposta da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a quen reclamou en decembro pasado un posicionamento en defensa do espazo do Larouco como escenario desta práctica deportiva, que inclúe campionatos do máximo nivel internacional, e que quedaría invalidada para esta práctica por razóns de seguridade de se instalar os macroproxectos previstos.
A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, convidada á xornada, aproveitou para informar de que a campaña de crowdfunding FONDO PARA A DEFENSA DAS MONTAÑAS DA LIMIA, XURÉS E CELANOVA, que remataba onte, cubrira dabondo os obxectivos con máis de 3.500 euros de recadación. Os fondos empezarán a ser utilizados en breve: xa está encargado un informe biolóxico sobre os proxectos San Martiño, Mistral e Tramontana que afectan precisamente ao Larouco. Ademais, a plataforma denunciou a campaña de medo e desinformación que está a desenvolver desde hai uns meses un suposto representante da empresa Four Winds (así se presenta), a promotora do complexo Mistral-Tramontana.
Stop Eólicos Xurés Celanova recomenda á veciñanza das aldeas do Val do Salas a quen este intermediario lles está a ofrecer contratos de arrendamento, baixo ameaza de expropiación, de terreos afectados pola liña de alta tensión do Xurés (que uniría o complexo Mistral-Tramontana coa subestación de Naturgy en Muíños) que non asinen documento ningún.
O trazado desa liña de alta tensión saíu a exposición pública no verán de 2021, e foi obxecto de alegación por parte da plataforma. A día de hoxe non hai información pública ningunha do estado da tramitación. Mais o enclave do macrocomplexo Mistral-Tramontana cambiou de lugar, polo que a plataforma entende que o proxecto presentado no verán de 2021 sufriu unha modificación substancial e o proceso debe iniciarse desde o principio. A liña, pois, non só non está aprobada, senón que non se pode aprobar tal e como se presentou.
Así que os contratos son “papel mollado” e os supostos alugueiros, un fraude.
Xinzo, 30 de abril de 2023