O Concello e O Potiños distribúen medio milleiro de exemplares do libro que homenaxea ás familias de pulpeiras

“Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”. Este é o título do libro que impulsan o Concello do Carballiño, que asume a financiación, e a Asociación Fotográfica O Potiños para homenaxear a estas profesionais. O traballo, que contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións, comezará a distribuírse o venres entre os protagonistas das imaxes e nunha exposición que se abrirá ao público a partir das 20.00 horas no antigo local Hobby Sport, na Rúa Principal. Neste espazo exporanse unha trintena de fotografías en formato 50×70.

O resto dos exemplares distribuiranse na Casa Consistorial e os veciños e veciñas interesados poderán solicitar un por persoa. Tamén repartiranse entre os membros da Asociación O Potiños. O seu presidente, Manuel Blanco, agradeceu a colaboración do Concello do Carballiño e das familias protagonistas das imaxes, asegurando que “o resultado é francamente satisfactorio”. A secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, María del Mar Lage, recibiu esta mañá un exemplar das mans de Manuel Blanco e  tamén quixo mostrar o seu agradecemento a todos os que fixeron que o libro sexa unha realidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

A idea xurdiu cando a Asociación de Pulpeiros e O Potiños comezan a colaborar para realizar fotografías para a páxina web da primeira entidade. Nese momento empeza a tomar forma este traballo, pois as imaxes tiñan moito que dicir. Componse de 60 fotografías en branco e negro realizadas no estudio e nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a este colectivo de traballadoras e á súa historia.

O libro xa foi presentado no mes de marzo e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor “o excelente traballo de O Potiños, que fai un recoñecemento a estas profesionais que manteñen viva esta tradición gastronómica”. O traballo tamén demostra a estreita colaboración entre a entidade cultural, o Concello e a Asociación de Pulpeiros.

Cómpre destacar que no libro inclúense textos do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do colectivo O Potiños; de Carlos Montes sobre a historia desta industria familiar que é o pulpo e  de Felipe Senén.