O PSOE levará á xustiza o “continuado e irregular” uso de coches oficiais da Deputación

O PSdeG-PSOE levará ante a xustiza o continuado, irregular e delictivo uso dos vehículos da Deputación de Ourense fóra da provincia en mans de Manuel Baltar. Os e as socialistas consideran “absolutamente escandaloso” o “total silencio de Baltar” durante o pleno extraordinario celebrado hoxe, para tratar as súas “perigosas e temerarias” condutas ao volante que “puxeron en risco a vida doutras persoas”, xa que “non abriu a boca” e “usou ao alcalde de Muíños como escudo humano”.

“Os deputados e deputadas do PP non deben seguir amparando estas condutas”, asegurou o deputado, Nacho Gómez, antes de advertir que “canto máis trate de esconder esta situación, nós iremos quitando máis cousas”. “Non vemos ao resto de deputados ou deputadas populares cometendo este delito”, sinalou o vicevoceiro ante o evidente uso ilegal dos vehículos oficiais da institución, polo que, ante os graves silencios de Baltar “teremos que acudir a outras vías, entre elas a xustiza, porque de non facelo, estaríamos cometendo unha grave falta de responsabilidade política”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gómez, quen manifestou que “non quedamos satisfeitos coas explicacións no anterior pleno porque as mentiras foron evidentes”, destapou hoxe que os vehículos da deputación contan con xeolocalizadores para saber onde están en cada momento, salvo os coches do presidente e do seu goberno, que non teñen. “Ten secuestrada á institución para os seus caprichos”, denunciou tras insistir en que “pasarse o dobre da velocidade permitida en varias ocasións non é un despiste”, tal e como puxo por escrito Baltar.

O deputado do PSdeG-PSOE tamén puxo o foco no uso privado dun vehículo oficial, tal e como recoñeceu a pasada semana o presidente. “O último fin de semana de abril colleu, unha vez máis, porque non era a primeira, un coche público a hurtadillas para usos privados en sábado e domingo, aproveitándose do combustible pagado por todo e todas”, remarcaron os e as socialistas ante o novo “escándalo” de “viaxes privados en coches públicos para cometer delitos”.

Gravación das cámaras

O Grupo Socialista considera “obsceno” dicir que “nin o presidente Manuel Baltar nin ninguén na Deputación de Ourense sabe quen era o condutor do coche oficial multado a 157 km/h nunha estrada convencional en Monforte de Lemos (Lugo) un domingo de setembro de 2021”. Por iso advertiron ao goberno provincial que “non borre as gravacións das cámaras” do Pazo Provincial, porque “imos pedir todo o que gravaron as cámaras do aparcadoiro e todos os rexistros dos coches da institución”.

“O viaxe a ningunha parte e o uso de recursos públicos para fins privados non son nin cousiñas nin tonterías”, incidiu o deputado socialista antes de advertir sobre os problemas de cobertura do seguro obrigatorio do vehículo nestes casos. “É un vacile e un insulto a todos os e as cidadáns que este señor conduza a 215 km/h pola autovía e logo asegure que vai pola [estrada] vella para tapar as súas mentiras, xa que non pode demostrar que estivo en Madrid nin coas peaxes nin coas facturas de hotel”, destacou Gómez. “A donde foi realmente co coche pagado por todos e todas?”, insisten en preguntar.

“Baltar xa ten o mérito de entrar no rexistro de condutores temerarios de España e proximamente terá o mérito de estar no rexistro de delincuentes” conclúen desde o PSdeG-PSOE de Ourense.

Achegamos o texto da moción votada no pleno de hoxe:

Rafael Rodríguez Villarino; Elvira Lama Fernández; José Ignacio Gómez Pérez; Diego Fernández Nogueira; Rosario Rodríguez Delgado; Álvaro Vila Araújo; Margarita Pérez Fernández; Aurentino Alonso Araújo e Susana Rodríguez Estévez, na súa condición de deputados e deputadas na Deputación Provincial de Ourense, en base ó disposto nos artigos 46.2 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local; 48 do Real Decreto 78/1986 polo que se aproba o texto refundido das disposición vixentes en materia de Réxime Local; e do Real Decreto 2568/1986 polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, SOLICITAN A CELEBRACIÓN DUN PLENO EXTRAORDINARIO para o debate e aprobación dunha MOCIÓN PARA ESIXIR RESPONSABILIDADES A JOSÉ MANUEL BALTAR, TRAS SER DENUNCIADO POLA GARDA CIVIL POR UN SUPOSTO DELITO CONTRA A SEGURIDADE VIARIA COMETIDO CUN COCHE OFICIAL DA DEPUTACIÓN en base á seguinte EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación de Ourense, vén de ser denunciado pola Garda Civil tras cometer un presunto delito contra a seguridade viaria, ao circular o domingo 23 de abril cun dos coches oficiais da institución provincial que el mesmo conducía, a 215 km/h pola autovía A-52 na provincia de Zamora, á altura do municipio de Asturianos.

Segundo os feitos detallados polo axentes, Baltar foi multado inicialmente con 600 euros e coa retirada de puntos do carné de conducir, pero esa sanción administrativa vén de quedar en suspenso, tras comprobar os técnicos da Garda Civil que, ao aplicar os marxes de erro do radar sobre a velocidade medida, o dato seguía superando a cifra estipulada para ser delito.

Actualmente, un xulgado da provincia de Zamora está a instruír un expediente de investigación ante a comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria polo presidente da Deputación. Este ilícito está castigado no artigo 379 do Código penal, cunha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade. Tamén, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores. De feito, o subsector de Tráfico de Ourense xa notificou ao infractor a denuncia ante a comisión dun presunto delito, así como a apertura de dilixencias de investigación.

Ademais, tras coñecer que ese mesmo vehículo oficial de titularidade da Deputación acumula ata dez sancións durante este mandato e que en tres de elas o presidente foi identificado como o infractor ao volante, quedou evidenciada unha mentira máis de José Manuel Baltar, xa que non se trata dun “feito illado” por un “despiste” como el afirmou, e si é dunha conduta temeraria e ilegal reiterada, executada con fondos e medios públicos.

O PSdeG-PSOE considera indecente e inaceptable nunha democracia que o presidente desta institución cometese este suposto e grave delito, así como outras infraccións da normativa sobre seguridade viaria, conducindo un coche oficial noutras provincias, poñendo en grave risco a vida doutras persoas, para facer actividades que aínda non explicou, xa que, no caso concreto da denuncia polos feitos acontecidos o domingo 23 de abril de 2023, na súa axenda oficial non aparecía reunión ou acto algún en Madrid ou fóra de Ourense. Tampouco aportou fotografías, documentos ou recibos que xustifiquen a estancia en Madrid ou acto oficial algún.

Tamén vimos de coñecer que o Volkswagen Passat da Deputación que conducía o presidente, tamén foi detectado superando os límites máximos de velocidade outro domingo. Concretamente o 19 de setembro de 2021 no quilómetro 528 da estrada N-120 na contorna da localidade lucense de Monforte, sentido Ourense.

Naquela ocasión, o coche oficial non foi detido polos axentes da Garda Civil, polo que a Dirección Xeral de Tráfico requiriu ao organismo provincial para que facilitase “a identificación veraz” do infractor. A sanción inicial era de 500 euros e retirada de seis puntos de carné, pero a multa ascendeu finalmente a 1.500 euros, tras instar sen éxito en dúas ocasións ao Goberno provincial a que identificase o condutor infractor.

Por iso os e as socialistas consideramos imprescindible celebrar un pleno extraordinario para que José Manuel Baltar dea explicacións no máximo órgano colexiado da Deputación de Ourense, lugar de control da actividade do goberno. Así mesmo defendemos que o actual presidente non pode continuar á fronte da deputación, xa que, por decencia democrática, unha persoa que conduce reiteradamente dunha forma temeraria e supostamente delictiva, un vehículo da institución que preside, non reúne a honorabilidade e exemplaridade que require o cargo, así como por respecto á institución e á provincia que representa.

O Grupo Socialista recorda que o código ético da Deputación, redactado do “puño e letra” do propio Baltar, segundo afirmou el mesmo, determina que os cargos públicos da institución “non deben conducir a súa conduta de tal modo que poida prexudicar a imaxe da organización que representa ante a cidadanía ou afectar á reputación institucional” e que “deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional e minar a confianza da cidadanía”.

A petición desta sesión extraordinaria está sobradamente xustificada, xa que algúns dos feitos sucederon ou foron dados a coñecer polos medios despois da convocatoria das comisión ou do último pleno ordinario. Así mesmo, a corporación actual será disolta nas próximas semanas polo que, de non se celebrar un pleno extraordinario, nunca poderían ser ofrecidas as explicacións reais por un graves feitos cometidos, supostamente, no exercicio do cargo de presidente cun vehículo oficial da Deputación de Ourense.

Tendo en conta o detallado e entendendo que se cumpren os requisitos legais, os membros da corporación asinantes solicitamos a convocatoria dun PLENO EXTRAORDINARIO mediante a inclusión na orde do día desta PROPOSTA DE ACORDO:

1.       O Pleno da Deputación Provincial de Ourense insta ao presidente da institución, José Manuel Baltar Blanco, a explicar ante este órgano, con todo detalle, os feitos sucedidos o domingo 23 de abril cun dos coches oficiais, ao ser detectado conducindo a 215 km/h pola autovía A-52 na provincia de Zamora, detallado e xustificando documentalmente o motivo da viaxe; a razón pola conducía el mesmo e non un chofer oficial; o porque da superación do limite máximo velocidade en 95 km/h; os ocupantes do vehículo no momento dos feitos e as reunións ou encontros que mantivo con motivo desa viaxe.

2.      O Pleno da Deputación Provincial de Ourense insta ao presidente, José Manuel Baltar Blanco, a explicar quen conducía ese mesmo vehículo oficial cando foi sancionado o 19 de setembro de 2021 na provincia de Lugo; cal era o motivo daquela viaxe, tamén en domingo, e por que o goberno provincial non identificou debidamente ao condutor ou condutora aquel día, provocando unha sanción de 1.500 euros a nome da Deputación.

3.      O Pleno da Deputación Provincial de Ourense insta ao presidente, José Manuel Baltar Blanco, a explicar por que foi identificado pola Garda Civil ata en tres ocasións cometendo infraccións ou presuntos delitos relacionados coa seguridade viaria, provocando un carrusel de sancións e multas, algunhas a nome da institución.

4.      O Pleno da Deputación Provincial de Ourense insta ao presidente, José Manuel Baltar Blanco, a cesar na comisión de actividades presuntamente delictivas cun coche oficial da institución, sen dar conta pública delo nin antes nin despois dos feitos.

5.      O Pleno da Deputación Provincial de Ourense insta a José Manuel Baltar Blanco a deixar o cargo de presidente da institución, pola suposta pero evidente comisión dun delito contra a seguridade viaria, segundo denuncia da Garda Civil, xa que puxo en grave risco a vida doutras persoas nas estradas ao circular a 215 km/h, e a comisión destes feitos non permiten reunir as condicións de honorabilidade e exemplaridade que requiren un cargo tan honorable, así como pola comisión doutras infraccións de tráfico no mesmo vehículo de titularidade pública.