Deputación e Sergas facilitarán ás persoas con covid persistente o uso gratuíto dos servizos de fitness, pilates e ioga no Paco Paz

Os pacientes, que serán seleccionados pola unidade postcovid na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, poderán beneficiarse da práctica deportiva continuada para a mellora da súa saúde

Ourense, 3 de maio de 2023.- As persoas que padecen covid persistente pertencentes á área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras poderán acceder de modo gratuíto aos programas de fitness, pilates e ioga que oferta o Pazo dos Deportes Paco Paz. Así consta no convenio asinado na Sala de Xuntas do Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en presenza do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo reflicte este documento de colaboración, a Deputación e o Sergas consideran que a práctica deportiva continuada é unha axeitada ferramenta para “mellorar a saúde e o benestar das persoas diagnósticadas de covid persistente”.

Nesta liña e durante o período 2023-2026, a Deputación porá a disposición dos pacientes o programa de fitness que oferta o Paco Paz e que inclúe pilates e ioga máis meditación, cunha exención total sobre as tarifas mensuais.

Para poñer en marcha esta iniciativa, o Sergas pedirá expresamente autorización aos pacientes que poidan ser beneficiarios destas actividades, con fin de tramitar o acceso ás instalacións e servizos que oferta o Pazo dos Deportes ourensán. 

Con anterioridade, o equipo da unidade multidisciplinar postcovid fará unha selección previa das persoas afectadas, en función dunha serie de criterios establecidos. Estas unidades, que prestan servizo desde 2021, son as encargadas e avaliar e tratar os efectos das patoloxías que a medio e longo prazo sofren as persoas contaxiadas por este coronavirus.