Luís Seara, “queremos facer de Ourense un Concello acolledor onde todas aquelas persoas que apostan pola nosa cidade para iniciar ou continuar o seu proxecto de vida se sintan cómodos e acompañados”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Trala xuntanza mantida con varios colectivos de inmigrantes da cidade e diante de algo máis de 30 persoas, o candidato do BNG comprometeuse a trasladar ao resto de administracións as reivindicacións do colectivo así como á posta en funcionamento no Concello dunha oficina integral de atención aos migrantes

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 07 de maio de 2023. Continuando coa rolda de encontros con diferentes colectivos e asociacións, o candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara, xunto a Venecia Guzmán, membro da candidatura e de orixe Dominicana, mantiveron un encontro con varias asociacións e persoas inmigrantes.

Ao acto asistiron algo máis de trinta persoas. Venecia Guzmán comezou facendo referencia a súa propia experiencia cando no ano 1992 decidiu asentarse en Ourense e os motivos que a levaron, desde o primeiro momento, a formar parte do BNG e continuar así coa súa vida de activismo social e político anterior.

Pola súa banda, Luís Seara, fillo tamén de emigrantes tal e como lembrou na súa exposición, afirmou que un dos piares nos que se asenta o proxecto transformador do BNG para o vindeiro mandato é o de facer “de Ourense un Concello acolledor”.

Así, Seara afirmou que “queremos xerar un Concello de portas abertas a todas aquelas persoas que escollen Ourense para iniciar ou continuar o seu proxecto de vida e para iso o Concello ten que estar ao carón de todas elas e facilitar tanto o asentamento como a integración na nosa sociedade”.

Luís Seara aludiu ao idioma como un elemento de dificultade engadida en moitos casos polo que comprometeuse a crear a oficina de mediación, é dicir, “unha oficina con persoal con coñecemento doutros idiomas encargado de acompañar, mediar e axudar nos primeiros momentos”.

Coñecedor tamén das dificultades das comunidades latinas, nomeadamente a dominicana e venezolana á hora de poder realizar trámites burocráticos en canda seus consulados, xa que en ningún dos casos estes dous Estados teñen sede fixa en Ourense pese ao elevado número de nacionais cos que contan, Seara afirmou que “desde o Goberno Local traballaremos intensamente e mesmo ofreceremos un local municipal para que estes dous países poidan instalar oficinas consulares en Ourense e permitir que todas as persoas que residen en Ourense cidade e provincia non se teñan que desprazar a Vigo, Becerreá ou Madrid para realizar determinados trámites”.

O candidato do BNG tamén aludiu á Universidade Popular (UPO) como institución que “debe xogar un papel importante no proceso de integración e capacitación das persoas inmigrantes que precisan homologar ou validar certificados que lles permitan acceder ao mercado laboral”.

Por último e como petición expresa dos congregados no encontro, Luís Seara trasladará ao deputado no Congreso Néstor Rego a necesidade de aumentar o persoal da Oficina de estranxeiría da Comisaría de Ourense encargada da tramitación e expedición do NIE, documento básico e necesario, pois a día de hoxe soamente se atende o último venres de cada mes e a obtención de citas é tan complexa que motiva que moitos inmigrantes desistan de quedarse en Ourense e marchen a outras cidades.