Jorge Pumar: “Desde xullo Jácome segue sendo alcalde por culpa da división interna do PSOE”

O secretario xeral do Partido Popular na cidade e número tres na lista que lidera Manuel Cabezas para as eleccións do 28 de maio, Jorge Pumar, afirma que “desde o mes de xullo, Jácome segue sendo alcalde por culpa da división interna do PSOE”.

· Cando Manuel Cabezas accede a liderar de novo o Partido Popular na cidade, 16 anos despois de culminar as súas tres maiorías absolutas como alcalde de Ourense (1995-2007), “decidiu romper co goberno municipal de coalición no que participaba o PP porque Cabezas nunca entendeu nin compartiu este pacto”.

AVANTAR ACTIVIDADES

· Tras a ruptura co actual goberno local, o líder dos populares na capital traslada ao PSOE a súa disposición para apoiar unha moción de censura e facer alcalde a quen o partido socialista designe, ofrecemento que o secretario provincial deste partido, Rafael Rodríguez Villarino, “non atende por discrepancias internas do seu grupo municipal”. O número tres da lista insiste: “É o PSOE o que, desde a chegada de Manuel Cabezas, non quixo asumir a alcaldía a través dunha moción de censura, sendo así os responsables únicos de que Jácome permaneza na alcaldía”.

· Jorge Pumar lamenta “a vergoñosa situación que vivimos desde hai tempo nesta cidade, sendo sempre noticia nacional por historias que nos provocan un dano enorme e que xera a desafección das persoas cara á política”.

· Agora, escoitando os audios publicados nestes días, engade o edil popular, “preguntámonos onde está a dignidade das persoas; se o actual alcalde non presenta a súa dimisión, que motivos hai para iso, que pasa coa vintena de asesores, que na maioría dos casos conforman a súa lista electoral. Pregúntase se van seguir apoiando a unha persoa “da que agora coñecemos o que fixo e está a facer”.

· Este non é un partido político, di, “parece unha empresa dirixida por unha persoa cun conxunto de accionistas cuxo único fin é sacar rédito dos recursos de Ourense e todos os seus habitantes e non podemos permitirnos o luxo de que continúen un minuto máis aí”.