O Psdeg-Psoe de Ourense propón a creación dun arquivo ourensán da memoria e un catálogo de vestixios do franquismo para homenaxear e lembrar ás vítimas

Os socialistas organizaron un emotivo acto para recordar aos que tiveron que fuxir de España con motivo do día de recoñecemento ás vítimas do exilio que se conmemora o 8 de maio

“Máis de 60.000 exiliados españois participaron na resistencia francesa, mellor dito, na resistencia en Francia”, sinalou Xosé Lois Carrión, responsable de Memoria Histórica e Dereitos Humáns

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou un emotivo acto en homenaxe ás vítimas do exilio ao que asistiron Natalia González Benéitez, voceira no Concello de Ourense e secretaria xeral do partido na cidade; Rafael Rodríguez Villarino, voceiro na Deputación de Ourense e secretario xeral na provincia; Alba Iglesias García, secretaria xeral de XX.SS.; Xosé Lois Carrión González, membro da candidatura e responsable de Memoria Histórica e Dereitos Humáns; e Paco Rodríguez, candidato á alcaldía de Ourense.

“Segundo diferentes fontes, máis de 60.000 exiliados españois participaron na resistencia francesa, mellor dito, na resistencia en Francia, ademais doutros miles máis que se integraron nas forzas regulares do exército libre francés. Moitas desas persoas comezaron a súa loita armada contra o fascismo e o nazismo xa o 17 de xullo de 1936 en España, loitando os tres anos de guerra e posterior exilio a Francia”, lembrou Carrión na súa intervención.

Nesta liña, fixo un repaso polas diferentes partes do mundo que acolleron aos nosos exiliados e destacou a labor das diferentes organizacións de republicanos e republicanas que colaboraron para que a chegada dos migrantes galegos fose menos traumática e complicada. “Por certo, José Ángel Valente, quen dá nome ao lugar onde estamos, farto do pobre e opresivo panorama da España franquista, exiliouse en 1955 na Universidade de Oxford, e, desde 1958 exerceu como funcionario da ONU en Xenebra”, incidiu ante os presentes.

Entre as medidas para cumprir coa Lei de Memoria Democrática que a formación propón no seu programa electoral está a creación do Arquivo Ourensán da Memoria, no que se recolla o nome e datos das vítimas, a súa historia, testemuñas de familiares, recordos físicos e outros datos que poidan resultar de interese. Tamén a posta en valor daquelas zonas e edificacións dos seus municipios nas que houbo presos ou mortes a causa da represión franquista como lugares da Memoria Democrática mediante a colocación de placas conmemorativas que informen e lembren respecto do alí acontecido co obxecto de deixar testemuño da defensa e loita pola liberdade e a democracia durante a II República de España.

Se contempla, ademais, a realización dun censo ou catálogo de vestixios do franquismo no municipio, incluíndo no mesmo os topónimos de rúas a cambiar, así como as direccións dos lugares onde se atopen placas con simboloxía fascista (de falanxe, tal e como aparece en numerosas fontes públicas, igrexas, edificios públicos e privados, aguias preconstitucionais, cruces dos “caídos”, etc.) e de exaltación do franquismo.