A Policía Local do Carballiño, primeira da provincia en incorporarse ao programa Xespol que facilita o acceso ás bases de datos e tramitacións

A Policía Local do Carballiño é a primeira da provincia de Ourense en incorporarse ao programa Xespol, unha ferramenta de coordinación entre plantillas de axentes municipais da comunidade que facilita o seu traballo diario e o primeiro software policial presente nas catro provincias. Grazas a esta iniciativa, unifícanse os criterios e protocolos de actuación e compártese unha base de datos a nivel de toda Galicia.

Nas últimas semanas, e no marco deste programa, a Policía Local do Carballiño vén de incorporar no coche patrulla un portátil, impresora para poder consultar datos coa DGT, padrón municipal ou para poder realizar atestados de tráfico, entre outros trámites.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tal e como explicou o concelleiro de Tráfico, Manuel Sotelo, grazas a esta iniciativa que promoveu o Concello a petición dos axentes “facilitamos o traballo dos profesionais, evitando que teñan que trasladarse para o rexistro de documentación e a realización de diferentes consultas e tramitacións”. O edil tamén insistiu en que con este programa redúcense os tempos de resposta e mellora a operatividade policial en beneficio da ciadanía.

Actualmente, un total de 40 xefaturas policiais galegas apostan pola xestión administrativa, penal e de tráfico que dende esta plataforma proponse con documentos, dilixencias e actas comúns para todas as plantillas, propiciando unha maior seguridade e garantindo unha maior eficiencia no servicio policial.