O candidato nacionalista Luís Seara apela á veciñanza no seu conxunto, “o 28M xogámonos moitísmo en Ourense. Xogámonos seguir gobernados pola corrupción e o caciquismo ou pola rexeneración política e a decencia”
Ourense, 12 de maio de 2023. Ás 00:00h deste venres 12 de maio, o BNG de Ourense daba inicio á campaña electoral das eleccións municipais do día 28 de maio. Como ven sendo tradicional, a formación nacionalista desprazouse en bo número até o parque de San Lázaro para levar a cabo a tradicional “pegada de carteis”.
Nese mesmo lugar o candidato Luís Seara afirmaba que “no BNG encaramos estas eleccións co convencemento de que teremos uns resultados históricos que nos permitan liderar o cambio e a trasformación que o Concello de Ourense precisa”, e engadiu, “nós nin queremos mirar para o pasado nin nos resignamos a que todo siga igual”.
Seara non puido eludir a situación e o clima político actual no que se vai desenvolver a campaña, consecuencia de todas as informacións xurdidas nos últimos días en torno ao facer do alcalde á fronte do consistorio e aludiu directamente a todas aquelas veciñas e veciños que ven esta situación con vergoña para que “o día 28 de maio e independentemente do que votaran nas pasadas eleccións, se rebelen, e acudan ás urnas. O día 28 cobra máis importancia se cabe que calquera outro proceso electoral. O día 28 todas e todos temos que escoller entre seguir gobernados pola corrupción e o caciquismo ou pola rexeneración democrática e a decencia política”.
Luís Seara animou á veciñanza a confiar no BNG xa que “levamos moito tempo traballando no proxecto transformador que Ourense precisa. No BNG temos proxecto e temos equipo, e se algo está absolutamente acreditado é que alí onde goberna o BNG mellora a calidade de vida da veciñanza e aumentan os niveis de satisfacción e orgullo, algo que cómpre recuperar en Ourense e que recuperaremos co Bng á fronte do vindeiro Goberno Local”.