O Psdeg-Psoe de Ourense valora positivamente a inmediatez da xustiza para investigar os posibles delitos cometidos por Jácome a raíz da denuncia presentada polo partido

“Ata aquí chegou a política, agora é a Xustiza a que debe actuar e máis despois da falta de explicacións por parte do alcalde”, sinala a secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González

Engade que a dispoñibilidade de colaboración dos socialistas coa Fiscalía é absoluta e que urxe reparar o dano que está sufrindo a cidade e o Concello

Ourense, 10 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense valora positivamente a inmediatez da Xustiza que anunciou a apertura de dilixencias de investigación penal polos feitos denunciados ante a Fiscalía por parte de voceira do grupo municipal socialista. No escrito asinado e presentado onte se instaba á acusación pública a revisar os audios nos que Gonzálo Pérez Jácome, presuntamente, incorre en varios delitos.

PUBLICIDADE ELECTORAL

“Como diciamos onte, cando presentamos a denuncia, ata aquí chegou a política, agora é a Xustiza a que debe actuar e máis despois da falta de explicacións por parte do alcalde na mañá de hoxe sobre todo o que está a acontecer”, sinala a secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González.

Nesta liña, engade: “Confiamos na labor da Xustiza e estamos a total disposición para colaborar no que sexa necesario para tentar frear o dano extremo que se está ocasionando á nosa cidade e ao Concello por parte do máximo representante público ante posibles delitos de coacción aos traballadores, falsidade documental, suplantación de identidade, prevaricación, malversación de caudais públicos e financiación ilegal”.

A falta dunha comunicación formal, o PSdeG-PSOE de Ourense puido confirmar que a Fiscalía investigará os feitos denunciados a raíz dos audios publicados desde o pasado fin de semana nos medios de información locais.