O presidente da Deputación reúnese co delegado de Iberdrola en Galicia

Manuel Baltar mantivo un encontro no Pazo Provincial con Francisco Silva, que estivo acompañado polo director das centrais hidroeléctricas de Iberdrola en Galicia, Miguel Ángel López.

A Deputación e Iberdrola abren un canal de comunicación para a coordinación e o exame de cuestións coma o establecemento de futuras liñas de colaboración que redunden no beneficio da provincia

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 11 de maio de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro na Sala de Xuntas do Pazo Provincial co delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, e co director das centrais hidroeléctricas de Iberdrola en Galicia, Miguel Ángel López. 

Na reunión abordouse a actual situación dos encoros xestionados por Iberdrola na provincia de Ourense -despois dun inverno chuvioso ata xaneiro, explicaron-, sinalando os directivos que as reservas hídricas están nestes momentos no 77%, un nivel moi superior o existente no 2022 por estas mesmas datas (37%), destacando a importancia que isto supón en zonas de alto valor natural coma a propia Ribeira Sacra e outros puntos da provincia de Ourense.

Dentro do compromiso da Deputación cos recursos naturais de Ourense, o goberno provincial e Iberdrola abren un canal de comunicación para a coordinación e o exame de cuestións coma o establecemento de futuras liñas de colaboración que redunden no beneficio da provincia. 

Pola súa banda, dende Iberdrola lembran que “o uso hidroeléctrico xoga un importante papel na cobertura da demanda de electricidade e evita o uso de tecnoloxías máis caras e contaminantes”. A utilización  da enerxía hidroeléctrica, resalta a empresa, “obedece ás regras de funcionamento do mercado de electricidade e está sempre condicionado ao respecto de todos os condicionantes ambientais e de usos concesionais en cada encoro”.