O Psdeg-Psoe destaca en Celanova que o proxecto dos e das socialistas está enfocado en “traballar” polo municipio con “dilixencia e honestidade” e en escoitar á veciñanza

Os e as socialistas, que arrancaron a súa campaña electoral en Celanova, diante de ducias de persoas, puxeron de manifesto  que “temos a forza e a capacidade para dar o impulso definitivo a Celanova, mobilizándonos en contra das ameazas e das parcialidades”

A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía, Teresa Barge, destacou que “o noso programa xorde da nosa inquedanza por ofrecerlle algo diferente a nosa veciñanza, sen falsas promesas, ofrecendo un esforzo sincero e escoitando as necesidades reais do pobo para un traballo eficaz”

AVANTAR ACTIVIDADES

Celanova, 13 de maio de 2023. O O PSdeG-PSOE destacou en Celanova que o proxecto socialista está enfocado en “traballar” polo municipio con “dilixencia e honestidade”, apostando por “escoitar á veciñanza para facer o mellor para o noso concello”. Os e as socialistas puxeron de manifesto que “temos a forza e a capacidade para dar o impulso definitivo a Celanova, sen crispar a ninguén, mobilizándonos en contra das ameazas e das parcialidades”.

Nun acto celebrado no auditorio municipal Ilduara, o PSdeG-PSOE de Celanova arrancou a campaña cun acto multitudinario, que contou coa presencia de ducias e ducias de veciños e veciñas que escoitaron atentamente ás propostas socialistas para o concello.

A candidata socialista á alcaldía de Celanova, Teresa Barge Dapía, destacou que “o noso programa electoral xorde da nosa inquedanza por ofrecerlle algo diferente a nosa veciñanza, sen falsas promesas, ofrecendo un esforzo sincero e escoitando as necesidades reais do pobo para elaborar un plan de traballo eficaz”. Neste senso, tamén apuntou que “o noso compromiso é levar a Celanova ao verdadeiro progreso e crecemento e demostrar que hai futuro”.

Jesús Regal Rodríguez, nº 2 da candidatura socialista, subliñou que “imos poñer todo o empeño en conseguir recursos para recuperar as nosas áreas recreativas, para que os núcleos de poboación de Celanova teñan a limpeza e o saneamento que merecen e para que exista unha mobilidade real e efectiva”. Apuntou tamén que “imos ofrecer o noso esforzo e a nosa ilusión para mellorar Celanova, coa colaboración de tódalas veciñas e  tódolos veciños do noso municipio”.

Pola súa banda, o nº 3 da candidatura socialista, Rubén Rodríguez Méndez, afirmou que “é primordial a defensa da nosa cultura e do noso patrimonio histórico, como son os nosos declarados Bens de Interese Cultural, como por exemplo o mosteiro de San Rosendo, a capela de San Miguel, a torre de Vilanova dos Infantes, o xacemento castrexo de Castromao, a ponte romana de Freixo e a Casa dos Poetas”. Por último destacou que “polo noso ben e pola nosa memoria é vital a defensa e conservación do noso patrimonio histórico e iso está no noso plan de traballo”.

Noelia Suárez Rodríguez, que concorrerá no cuarto posto na lista socialista, subliñou como outro dos obxectivos clave “apoiar ás empresas existentes e ás de nova creación, así como a ampliación do polígono industrial”. Tamén destacou a importancia de “mellorar e crear actividades e infraestruturas deportivas para todas as idades”, xa que tal e como afirmou “a xuventude é o noso futuro, de aí a necesidade de darlle unha calidade de vida adecuada aos nosos tempos e crear un espazo de mocidade interxeneracional”.

A nº 4 da candidatura socialista, María Nieves Veloso Barroso, explicou durante a súa intervención que “unha das nosas maiores prioridades é a educación e a formación dos nosos mozos e mozas, por iso vamos a traballar para conseguir unha mellor oferta de calidade das mesmas no noso municipio”.

No acto tamén participou o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, quen destacou que a candidatura socialista é un exemplo dunha forma de facer política “na que as persoas son o epicentro” e que aposta “polos cinco piares básicos do estado de benestar como son a educación, a sanidade, as pensións, o traballo e a vivenda”. Neste senso tamén explicou que co “PSOE hai futuro para Celanova e para a provincia, e así se demostra co compromiso do Goberno central coas pensións, o aumento do salario mínimo, o ingreso mínimo vital, as becas, o bono social eléctrico, os abonos de transporte ou o bono cultural mozo”.