O BNG propón unha Área de Rehabilitación Integral no Areal-Calle Abaixo-Ermida e a revisión completa da chapuza da peonalización no centro de Celanova

As nacionalistas comezaron a campaña de actos públicos cun encontro coa veciñanza na Ermida, onde se reclamou o soterramento do cableado, a recuperación de fontes e medidas de mobilidade e accesibilidade, así como seguridade a partir da iluminación pública e control do ruído e do botellón.

Celanova, 14 de maio de 2023.- No primeiro acto público da campaña das municipais, o BNG de Celanova comprometeuse onte coa veciñanza do Areal, a Calle Abaixo e a Ermida a levar adiante desde o goberno municipal a demanda dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) que axude a financiar a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética nas vivendas particulares e, tamén, á mellora do espazo público: beirarrúas, iluminación, mobiliario público, recuperación de fontes e espazos de lecer e medidas de accesibilidade pensando na veciñanza e coa participación da veciñanza.

AVANTAR ACTIVIDADES

ESCOITA. Nun acto no que participaron Luís Esperanza, Piarrá (que pecha a candidatura do BNG no número 21), Dores García Duarte (nº 6 da lista), María Rodríguez Cabaco (nº 5) e Erik Dobaño Salgado (nº 4), as nacionalistas expresaron o compromiso do Bloque “a facer todo o que haxa que facer seguindo un método: escoitar ás veciñas e veciños, traballar con técnicos cualificados no deseño de solucións e volver a escoitar ás veciñas e veciños antes de poñer en práctica calquera medida”.

“Ese é o método que seguiremos para realizar o Estudo previo a esta ARI, porque grazas a esa escoita agora sabemos que ademais as veciñas e veciños gostarían recuperar a fonte do Carozo na Ermida, gozar doutra iluminaciónsoterrar o cableado e ter outra solución para ese poste na entrada desde Xinzo”, expresaron os portavoces nacionalistas.

REVERTER A CHAPUZA, ECOITANDO. “E ese mesmo método é o que seguiremos para revisar a chapuza da peonalización do centro: escoitar á veciñanza e aos técnicos cualificados. O BNG foi a única forza que advertiu da chapuza antes de que a perpetrasen e a única que deu voz á xente que se queixaba. Da Praza desapareceron unha farmacia e unha panadería, tronzaron a vida da vila pola metade e andan recuando e consentindo que pasen cada vez máis vehículos, porque nesa chapuza nin sequera repararon que tiña que pasar o bus escolar, nin que as rúas Colón e Castor Elices ían ter que soportar unha intensidade de tráfico tremenda en prexuízo dos peóns que nin sequera teñen beirarrúas axeitadas. Nós revisaremos de principio a fin e abertas a todo esa medida. E cunha premisa: escoitar primeiro á xente, escoitar, que é o que non fan nin lle interesa”, argumentou o BNG por boca dos seus candidatos.

SEGURIDADE E RUÍDO. O BNG tamén tomou nota das queixas da veciñanza sobre a presión tráfico intenso e a desorde no aparcamento que afecta tamén a estas rúas, especialmente á Calle Abaixo, á Praza do Millo e ao Areal, dos problemas que xera á mobilidade peonil, das eivas na iluminación e do total descontrol no ruído e o botellón e os seus efectos no estado das rúas e no descanso das veciñas e veciños.

Nesta liña, avanzaron que a súa oferta electoral atende a estas cuestións incluíndo medidas como a elaboración dunha ordenanza municipal contra a contaminación acústica e a creación dunha Xunta Local de Convivencia, na que se integren as forzas de seguridade e mediadores e se debatan e deseñen medidas sobre seguridade, no marco dun programa de rexeneración dos barrios e do Plan de Mobilidade Urbana.

A ALTERNATIVA PARA UN CAMBIO REAL. “O BNG é a única alternativa para facer políticas de cambio real”, aseguraron as portavoces nacionalistas no remate do acto. “Polo goberno xa pasaron todas as dereitas posíbeis, todos os caciques vellos e novos, mesmo este partido dos socialistas de hoxe, e nada distinto fixeron. Parece que todos veñen ao mesmo: a ter un sueldiño público. Sabedes que o alcalde de Celanova cobra máis que o de Verín, o do Barco ou a de Xinzo, e podiamos seguir…? Sabedes que orzamentos manexan neses concellos? Pois todos, moi por riba do que se manexa en Celanova, pero o alcalde de Celanova é o que cobra máis”.

E concluíron: “Onde o BNG entra no goberno, mudan as cousas. Temos exemplos dabondo aquí ao lado. Por iso non queren que entre o BNG. A xente que non quere que muden as cousas fará todo o posíbel para que non goberne o BNG. Porque, é así: onde o BNG entra, melloran as cousas e despois custa moito sacalo e volver atrás”.

MITIN CENTRAL. O BNG de Celanova anunciou que o seu mitin central da campaña das municipais celebrarase este próximo sábado, 20 de maio, ás 20.00 horas na Alameda.