O Psdeg-Psoe aposta no Carballiño polo papel “clave” da muller na sociedade e pola necesidade de ter “referentes femininos” na política local e na administación pública

Nun encontro coa veciñanza e que contou coa presencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, as socialistas falaron sobre igualdade e sobre o papel do liderado feminino na sociedade

Carmela Silva Rego, destacou que a política local “ten que ser unha política feminista, ou non é política”, xa que tal e como apuntou “as mulleres somos a metade do mundo e, polo tanto, hai que facer políticas para promover a igualdade”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Carballiño, 15 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE celebrou este serán no Carballiño un encontro coa veciñanza para falar sobre a igualdade, os avances conseguidos polo PSOE nesta materia e o papel do liderado feminino na política. Os e as socialistas puxeron o foco no papel da muller e na necesidade de ter “referentes femininos” na política local e na administración pública, xa que tal e como apuntaron “calquera acción que se faga ten que levar nome de muller”.

No acto, celebrado na sede comarcal dos socialistas do Carballiño, participaron o candidato á alcaldía, Francisco Fumega; a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva; a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais no concello do Carballiño, Guadalupe Sobrado; e a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega. Estiveron acompañados por ducias de veciños e veciñas e militantes de toda a comarca que non quixeron perderse este acto.

A actual presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego, destacou que a política local “ten que ser unha política feminista, ou non é política”, xa que tal e como apuntou “as mulleres somos a metade do mundo, a máis da metade da poboación galega e a metade da poboación no Carballiño e, polo tanto, hai que facer políticas para promover a igualdade”. A presidenta da Executiva Nacional do PSdeG puxo o foco na mocidade e na necesidade “de educar en igualdade, promovendo actividades de todo tipo nos centros educativos e facer programas para que as rapazas mozas poidan elixir o que queren ser no futuro en plena liberdade”.

Silva Rego tamén puxo o foco nas mulleres maiores afirmando que “teñen que ser o centro das nosas políticas, xa que son a maioría da poboación en Galicia”. Neste senso afirmou que “temos que ter un programa potente dende o mundo local contra a soidade non desexada, para atender ás nosas maiores e que non teñan que abandonar os seus núcleos de poboación”. Por último, a presidenta da deputación pontevedresa tamén afirmou que “temos que esixir á xunta de Galicia máis recursos, que os CIM estean dotados de todo o que necesitan para atender ás mulleres e que a Xunta faga un reparto que multiplique por 5 os recursos que chegan ao mundo local para poder facer políticas de igualdade e de proximidade”.

O candidato á alcaldía do Carballiño, Francisco Fumega Piñeiro, subliñou que “hai unha política de igualdade de xénero, pero tamén hai outra de xustiza social”. Neste senso afirmou que “non é lóxico que nas provincias de Pontevedra ou A Coruña nos correspondería un millón de euros da deputación, e en Ourense só recibamos 48.000 euros do plan de obras”.

A actual concelleira de Igualdade e Servizos Sociais do concello do Carballiño, Guadalupe Sobrado Pérez, aproveitou a súa intervención para destacar que “unha das nosas apostas para contribuír á mellora da igualdade da muller é a conciliación familiar” e neste senso fixo fincapé no servizo Bo Día Familia, co que segundo afirmou “medio cento de estudantes levan a cabo actividades de lecer nas horas non lectivas”. A nº 7 da candidatura socialista tamén afirmou que “a nivel de axuda ás mulleres, o Centro de Información á Muller foi pioneiro na provincia, e nel estase a prestar axuda a unha media anual superior ás 700 persoas con problemas persoais ou familiares e tamén ás vítimas de violencia de xénero”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, destacou a “importancia” que ten a política municipal, “por ser unha das máis próximas a cidadanía e onde se poden solucionar os problemas da xente, onde as persoas deixan de ser cifras e teñen nomes e apelidos”. Con respecto á presencia de Carmela Silva no Carballiño, a parlamentaria socialista puxo de manifesto que “quixemos contar hoxe con Carmela, xa que é a primeira muller en ser presidenta dunha Deputación en Galicia e rachou co teito de cristal contra o que loitamos dende fai décadas para que as mulleres alcancemos a igualdade en canto ás cotas de poder institucional e laboral”.