Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda
Tocounos vivir nunha época chea de acontecementos fantásticos e de retos sedutores; coincidimos coa incursión de coñecementos científicos inimaxinables -como a irrupción da Intelixencia Artificial (IA)- fronte a un pasado que recentemente se foi e sen posible regreso; compartimos expectativas apaixonantes para o futuro da humanidade; gozamos dos ecos convincentes da solidariedade e dos rumores precursores de xustiza… Pero contiguo a toda esa amálgama de agasallos vemos xurdir de novo problemas e necesidades, irromper inéditos medos no horizonte e remover vetustas nostalxias no inconsciente colectivo.
O esgotamento das materias primas que nos ofrece de forma gratuíta a Natureza para consumilas de modo racional empezan a agromar de forma acelerada. O petróleo, os cereais, a auga… comezan a ser recursos escasos e cada vez máis limitados. Como consecuencia de tal desabastecemento provócase o incremento do prezo dos produtos nos mercados nacionais e internacionais, mergullados nunha galopante e imparable inflación. O resultado desta situación parece lóxico: agrávase a inxusta distribución dos bens de primeira necesidade, acelerando así o aumento da pobreza no mundo.
A suba do prezo dos cereais nos últimos meses augura unha repercusión de cen millóns máis de pobres no mundo para os próximos anos. Se sumamos o encarecemento das restantes materias primas en perigo de esgotarse a curto prazo e o incremento do paro, o panorama inmediato que albiscamos resulta pouco esperanzador, porque, daquela, a deriva social tamén é obvia: veremos reducidas as nosas expectativas hedonistas e os progresos sociais van resultar máis dificultosos. Pero iso vai ser bagatela comparado coa pobreza que se vai asañar irremediablemente cos máis débiles. Penso que sobre estes problemas debemos facer unha reflexión máis profunda e non quedarnos a secas na súa pel.
Como deter o incremento da pobreza e poder saír con honra moral desta crise ecolóxica, económica e social? A min ocórreseme unha resposta que podemos aniñala na árbore da ética e xustificala no ámbito da xustiza, concepto este con moitas arestas e constantemente cuestionado. Desde unha premisa baseada na xustiza podemos ofrecer un enfoque novo que represente a aproximación global á xestión dos bens e da riqueza, fundamentada en valores éticos e de xustiza, para ofrecer alternativas sostibles. Parece utópico pretender empezar a vertebrar de novo a sociedade nunha xustiza partindo dunha posición orixinal no sentido que lle dá Rawls, pero as ideas sobre a Teoría da xustiza aportadas por este pensador norteamericano poden resultar eficaces para a situación actual, sobre todo entendéndoa como equidade.
Ante todos estes preocupantes problemas, a esperanza parece esmorecer cuarteada por serias dúbidas; pero para poder chegar ilesos a terras da ilusión é necesaria unha previa operación de rescate moral. Dicía Shakespeare que “estamos feitos da mesma materia que os nosos soños”; con todo, creo que non debería ser tan elevado ese impacto na nosa vida como para permitir o dominio nocturno da mente que propicie o triunfo onírico do estético sobre o rutilante e dilatado horizonte ético.
Sabemos que os nosos desexos non destacan pola súa fidelidade ás nosas ideas nin pola súa constancia cos nosos proxectos, senón que se comportan como impertinentes e caprichosos. Esa forma persoal de actuar, unha vez que se integra coa vida dos demais cidadáns, causa distorsión social na convivencia e crea graves conflitos na situación actual. Tan só un vigoroso liderado da ética, que sempre se nos brinda como guía, nos pode rescatar desa potencial alteración colectiva. Debemos reivindicar a ética como faro da vida persoal, pero tamén como búsola da sociedade, porque na ética moramos por razón da nosa propia natureza.
A ética ao rescate
A palabra ética provén do grego êthos, que nun principio significaba estancia, lugar onde se habita. Posteriormente, Aristóteles precisou este sentido e, a partir del, significou a maneira de ser, o carácter. A ética é como unha segunda casa ou natureza. Non se pode confundir coa moral, aínda que nunca faltan quen as identifican. A palabra moral traduce a expresión latina moralis, que derivaba de mos (en plural, mores) e significaba costume. Inicialmente, na cultura latina, coa palabra moralis recollíase o sentido grego de êthos, interpretando que os costumes tamén se alcanzan a partir dunha repetición de actos. A pesar deste profundo parentesco, a palabra moralis aplicábase a normas concretas que han de rexer as accións. Así, pois, desde a etimoloxía, hai pouca diferenza entre a ética e a moral, pois ambas fan referencia a unha realidade parecida. A ética, desde unha definición real, é unha reflexión sobre a moral, é unha filosofía da moral. A ética pregúntase, entre outras cuestións, por que consideramos válidos uns comportamentos e non outros; ela investiga que é o específico da conduta moral; analiza os principios xerais da conduta, crea teorías que xustifiquen o que merece a pena vivir… A moral, non obstante, dá pautas para a vida cotiá; explica os principios da conduta adquiridos por asimilación de costumes e valores da nosa contorna (familia, escola, igrexa); explica as normas que se sustentan na autoridade… En definitiva, a ética sostense na razón e depende da filosofía, mentres que a moral se apoia nos costumes e queda formada por un conxunto de normas que a sociedade acepta como válidas. A moral establece, pois, o que se debe e non se debe facer, o que se permite e o que se prohibe. Os códigos morais existen desde o mesmo momento en que existe a sociedade humana. Todo grupo ten estes códigos e neles revélanse os valores bos e malos das accións. Debaixo do concepto “ética” aparecen os valores; debaixo do concepto “moral” atopamos os principios.
En todo caso, tanto a ética como a moral preocúpanse da procura do ben para as persoas, que as levará rumbo á felicidade. A ética, dirixindo a reflexión ao mundo cognitivo para identificar os valores; a moral, concretando as normas do comportamento aplicadas á vida de cada día. Da ética saen os valores, que son aplicacións racionais da bondade das cousas. Os valores non son inmutables, porque poden ser modificados en función da interpretación da realidade en cada etapa da vida. A única autoridade que recoñece os valores é a razón, e son os seus argumentos os que determinan o criterio de validez axiolóxica. Foi Kant o que estableceu por primeira vez a distinción entre éticas formais e materiais. Na súa opinión, as éticas precedentes a el eran todas materiais. As formais atéñense á estrutura da acción, mentres as materiais, ao seu contido. Este contido adoita ser un obxecto, unha propiedade ou estado de cousas que se considera un ben supremo e que vai unido á felicidade; que sexa o ben, en que consista a felicidade ou onde poñelos será tarefa das distintas escolas ou sistemas filosóficos. Así, atopámonos co hedonismo (Aristipo, Epicuro…), co eudemonismo (Aristóteles), co utilitarismo (Jeremy Bentham), coa paz interior (estoicismo), cos valores (Max Scheler)… O contrario dunha ética material é unha ética formal. Esta trata de xustificar a moral sen un contido específico e considerando só a forma da acción. O imperativo categórico establece na ética formal o principio de conduta.
Hai outras catalogacións das teorías éticas, como a que se fai baixo a denominación de deontolóxicas e teleolóxicas. Ás primeiras denomínaselles tamén “contractualistas”, e ás segundas, “consecuencialistas”. As éticas deontolóxicas están relacionadas coas ideas de dereito e democracia. As teleolóxicas gardan relación coa persoa práctica, coa que busca “resultados”. Mentres nas éticas deontolóxicas o concepto central é o “deber”, o “correcto”, o “esixible”, nas éticas teleolóxicas o concepto estelar é o “bo”.
Na actualidade existen as denominadas éticas procedimentais, que tentan recuperar a tradición kantiana, aínda que con certas diferenzas. Comprendendo que tanto os valores como a felicidade poden considerarse na realidade como moi subxectivos, esas éticas pretenden analizar o aspecto universalizable da moralidade, é dicir, das normas éticas. A diferenza de Kant, consideran que non ten que ser unha soa persoa a que ha de comprobar se unha norma é universalizable, senón que han de comprobalo todos os que estean afectados por ela aplicando procedimentos racionais. Que procedimentos son eses? Hai dous sistemas éticos que os ofrecen: a ética do discurso de Apel e Habermas, que propón unha situación ideal de fala entre todos os afectados pola norma, e a ética da situación ideal de negociación de Rawls, denominada posición orixinal.
A ética do discurso
Esta ética ordena o seu traballo en dúas partes: unha dedicada á fundamentación da moral, e a outra, á súa aplicación á vida cotiá. A ética discursiva toma como idea central o concepto de acción comunicativa. Unha acción comunicativa é aquela en que os interlocutores (falante e oínte) buscan o entendemento mutuo como un medio ineludible para coordinar os seus proxectos persoais. Cousa distinta é a acción estratéxica, aquela na que o falante e o oínte se instrumentalizan mutuamente para lograr os seus intereses individuais, tratándose, por tanto, entre eles, como medios e non como fins. Na acción comunicativa o sentido e a meta da linguaxe consiste en lograr un entendemento; o uso estratéxico da linguaxe é, polo contrario, derivado, xa que instrumentaliza o mutuo entendemento. Para que unha acción comunicativa sexa racional, hai que dar por entendido que os interlocutores aceptan implicitamente estas catro pretensións de validez da fala: intelixibilidade, veracidade, verdade e corrección. A verdade e a corrección só poden quedar resoltas a través dunha argumentación, cinguida ás regras lóxicas, e tamén ás regras que xorden ao considerar a argumentación como un proceso de comunicación como unha procura cooperativa da verdade e da corrección. Tal argumentación recibe a denominación de discurso. Descubrir o que é verdadeiro e correcto só é posible se supoñemos a idea dunha comunidade ideal de comunicación ou dunha situación ideal de fala na que os científicos, no caso da verdade, e os afectados, no caso das normas, puidesen decidir a través dun diálogo celebrado en condicións o máis próximas posible á simetría, aceptando unicamente a forza do mellor argumento. A ética discursiva ten por xustas tan só as normas de acción ás que todos os afectados darían o seu consentimento nestas condicións. Nesta interpretación, a falsidade e a incorrección lóxica intoxican e denigran o discurso.
A teoría de Habermas compleméntase coa teoría da xustiza de J. Rawls. O seu libro Teoría da xustiza contén a resposta á pregunta: Que é unha sociedade xusta? Unha sociedade xusta –di Rawls – é a que se somete a uns principios de xustiza que os seus membros elixen en condicións de xustiza. Rawls sinala esas condición nuns trazos que denomina posición orixinal. Unha norma é xusta cando favorece a todos e a cada un dos individuos, con independencia das súas características. O contrario sería a parcialidade e, en consecuencia, a inxustiza. Este concepto de xustiza descansa sobre a idea de equidade, que provén da tradición democrática occidental.
Rawls describe a posición orixinal como unha situación imaxinaria onde os membros dunha sociedade aínda non saben que características naturais e sociais van ter: están, pois, cubertos co veo da ignorancia. Eses individuos teñen que decidir a que principios se queren someter. Cada un deles, afirma Rawls, pensa que lle pode tocar no futuro a peor situación: enfermo, pobre, membro dunha raza discriminada, analfabeto… Por iso tratará de maximizar os mínimos: propoñer uns principios que beneficien ao máximo ao peor situado, que é o principio maximin. Esta é unha situación de equidade e, polo tanto, de xustiza, porque se propoñen uns principios coma se cada un fose o peor situado na sociedade. Rawls cre que desde esta posición calquera persoa intelixente suxeriría estes dous principios:
a) “Cada persoa ha de ter un dereito igual ao esquema máis extenso de liberdades básicas iguais que sexa compatible cun esquema semellante de liberdades para os demais”.
b) “As desigualdades sociais e económicas han de regularse de tal maneira que se poida esperar razoablemente que sexan vantaxosas para todos e que se vinculen a empregos e cargos accesibles a todos”. Rawls considera que o ideal sería que todas as persoas fosen iguais, pero como non é así e como cada un ten que dar o mellor de si para que se beneficie a colectividade, só estarán xustificadas as desigualdades que beneficien aos menos avantaxados.
Impera na nosa sociedade ese espírito de equidade propio da tradición democrática? Traerán as próximas eleccións un reaxuste social baixo o modelo de xustiza? Estamos ante unha excelente situación para que os políticos, que compiten de forma agonística polo poder nas próximas eleccións, expresen publicamente os seus proxectos políticos e a súa forma ética de desenvolvelos. E que esas promesas se revistan co valor moral da veracidade!
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.