Éxito dunha nova edición de “Pon unha foto na rúa” organizado por a Asociación Potiños

Un ano máis, a Asociación O Potiños quixo contaxiar a paixón pola arte da fotografía a todos os veciños, veciñas e visitantes do Carballiño. A entidade cultural , en colaboración co Concello, organizou unha nova edición de “Pon unha foto na rúa”, que se desenvolveu este domingo no corazón da vila. Na Praza Maior, en horario de 11.00 a 19.00 horas, fixeronse retratos a todos aqueles que o desexaron. As imaxes serán expostas e regaladas aos participantes.

A Floristería Arual decorou o escenario no que se desenvolveu esta iniciativa que xa está preto de acadar a súa décima edición. O presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco, animou a toda a cidadanía a participar, xa que ademais se levaron un bonito recordo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cómpre lembrar que a entidade cultural, tamén co apoio do Concello, vén de impulsar o libro “Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”. O traballo homenaxea a estas profesionais e contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións. Algunhas das súas imaxes xa poden verse nunha exposición no antigo local Hobby Sport, na Rúa Principal. Neste espazo exponse unha trintena de fotografías en formato 50×70.