Pavillón polideportivo adaptado á práctica da ximnasia, un rocódromo e unha piscina de 50 metros, propostas do BNG para a finca Santamariña

Con esta actuación, desde a formación nacionalista queren aumentar a oferta de instalacións deportivas nunha zona da cidade carente delas. Que dean resposta ás demandas existentes e que permitan desconxestionar as actuais

Ourense, 20 de maio de 2023. Para o BNG, a finca Santamariña, tal e como afirma o candidato Luís Seara, “está chamada a ser o gran pulmón verde do Concello”. Mais desde a formación nacionalista queren completar dito proxecto coa construción na zona de novos equipamentos deportivos que permitan desconxestionar os actuais, dotar a toda a zona de Mariñamansa e a súa área de influencia de instalacións para a práctica deportiva e que dean resposta as necesidades existentes a día de hoxe por parte de varias disciplinas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por estes motivo e tal e como manifesta Luís Seara, “é polo que apostamos pola construción dun pavillón polideportivo pero que estea adaptado á práctica de todas as variantes da ximnasia e que estea homologado para poder desenvolver nel eventos de carácter galego, estatal ou mesmo internacional”.

Outra das infraestruturas a crear neste novo complexo deportivo sería un rocódromo “diante da crecente afección e práctica deste deporte en Ourense non é de recibo que dispoñamos únicamente do existente na pista central dos Remedios, queremos unha instalación moderna, funcional e igualmente homologada para a celebración de eventos e campionatos”.

Por último, desde o BNG sinalan a necesidade de aumentar a oferta en canto á piscinas olímpicas xa que “un Concello de máis de 100.000 habitantes como é o noso non pode ter únicamente unha piscina olímpica de uso público”, e engade, “cómpre descentralizar e desconxestionar a piscina Rosario Dueñas, nos Remedios e por iso no noso proxecto está inxerida a construción dunha piscina olímpica de 50 metros dentro deste complexo deportivo que sen dúbida contribuiría a paliar o déficit que temos no tocante a instalacións deportivas”.