A parlamentaria socialista Marina Ortega acusou hoxe á Consellería do Medio Rural de “agochar” os prazos e o orzamento do proxecto para o novo Polígono Agroforestal de Barzamedelle, no concello ourensán de Leiro. Así o dixo logo de coñecer que a Consellería aprazou a pregunta que se ía debater hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento, co que evitarán dar conta do expediente deste proxecto.
Ortega lembra que o Grupo Socialista presentou unha petición formal de información -a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento-, logo de coñecer o pasado 3 de marzo do anuncio do conselleiro e o alcalde da localidade de que comezaban os traballos de desbroce para preparar o proxecto.
Sen embargo o goberno galego deixou sen atender esta solicitude, incumprindo o prazo obrigatorio de 30 días para enviar unha resposta. A parlamentaria socialista presentou a continuación esta mesma pregunta na Comisión de Agricultura que se celebra hoxe, pero atopouse con que a Consellería aprazou o debate, impedindo entregar a información antes das eleccións municipais do próximo domingo.