O BNG denuncia diante da Xunta Electoral a vulneración da lei electoral por parte do grupo do alcalde de Celanova

O BNG presentou unha denuncia diante da Xunta Electoral de Zona polo uso partidista da publicidade institucional por parte do grupo do alcalde de Celanova. En concreto, o BNG denuncia a colocación de carteis sobre obras futuras nos aparcadoiros e sobre unha senda peonil instaladas nos últimos días.

Os carteis, instalados no aparcadoiro con acceso desde a praza das Pitas e na rotonda da estatua de San Rosendo constitúen, en opinión do BNG, unha vulneración da lei electoral debido a un uso indebido da publicidade institucional que a converte, en período electoral, en publicidade política partidista. E, no presente caso, colocada ademais nuns espazos que o grupo do alcalde empezou a utilizar para colocar a súa propaganda. O grupo do alcalde está a promocionar presuntos logros futuros a apenas uns días das votacións e sufragando esa promoción partidista con cartos do Concello de Celanova.

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG solicita a retirada inmediata deses anuncios institucionais e o cese da utilización da institución municipal con fins propagandísticos por parte do grupo do alcalde.