O Concello do Carballiño reafirma a súa aposta pola conciliación das familias cos programas Divertiño e Bo Día Familia

Que a conciliación deixe de ser unha utopía para moitas familias é o obxectivo do Concello do Carballiño, que ofrece dous programas para favorecer o equilibrio da cidadanía no ámbito persoal, profesional e familiar. Trátase de Divertiño e Bo Día Familia, dúas iniciativas nas que os interesados poderán anotarse dende este mércores e ata o 2 de xuño.

No caso do Divertiño, que dará comezo o 22 de xuño, ofreceranse aos cativos e cativas actividades lúdicas en horario de mañá, de 7.30 a 14.00 horas durante o período vacacional, rematando o 8 de setembro. O programa Bo Día Familia arrancará co novo curso escolar 2023-2024 con servizos de acollida, gardería e lecer durante as horas previas e posteriores á xornada escolar, así como nos períodos de Nadal e Semana Santa. O horario será de 7.30 horas ata o inicio das clases e, pola tarde, de 14.00 a 18.00 horas. Ambas propostas de conciliación contarán con servizo de almorzo, a partir das 8.00 horas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os requisitos para poder solicitar os servizos son os seguintes: menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, escolarizados nalgún centro educativo do concello e empadroados no mesmo. Os interesados obterán máis información na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello, ademais de nas dependencias dos Servizos Sociais e no número de teléfono 988 531 076.

O Concello do Carballiño reafirma así a súa aposta por favorecer a conciliación das familias con estas dúas propostas que ofrecen atención de calidade aos nenos e nenas.