O grupo socialista esíxelle á Xunta que como mínimo contrate un tractor e unha brigada durante 6 meses para o mantemento do parque natural Baixa Limia – Serra do Xurés

Carmen Rodríguez Dacosta pide evitar o “bochornoso espectáculo” do ano pasado, no que só puideron contar con traballos de limpeza tres ou catro días en cada concello porque a Xunta nin sequera contratou este “pírrico recurso”

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Xunta que como mínimo volva contratar o tractor e a brigada a pé que viña despregando as tarefas de limpeza do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés durante os últimos anos. Dacosta acusou ao PP de negar incluso este “pírrico recurso” -que xa fora retirado o ano pasado-, ao rexeitar a proposta que levou hoxe ao Parlamento.

A responsable socialista reclámalle á Consellería do Medio Rural que “nos aforre o bochornoso espectáculo” da temporada pasada, na que os seis concellos que integran este parque natural nin sequera contaron con este continxente. Explica que ata o mes de xullo, e forzados pola presión e a vergonza que lles fixeron pasar os alcaldes e alcaldesas, aceptaron contratar recursos no mes de xullo, co que cada concello contou con apenas “tres ou catro días” de traballos de limpeza.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Denunciou que esta situación da conta do “desleixo e abandono” deste Parque Natural por parte do goberno galego, que dende o ano 2016 ten rexistrado 112 lumes, que fixeron arder 9.900 hectáreas dunha superficie total de 30.000 no Parque máis grande de Galicia. Ademais, tanto os danos provocados como a súa extinción supuxeron un gasto de máis de 13,3 millóns de euros “sen contar os lumes de setembro” do ano pasado.

Denunciou que o documento de uso e xestión do Parque aprobado pola Xunta en 2022 “carece de ambición e é un documento baleiro de contido”, que apenas prevé un investimento de 200.000 euros ao ano, apenas 7 euros por hectárea e ano, unha contía “indefendible”, especialmente en contraste co gasto de 13,3 millóns de euros que provocaron os lumes dende 2016.

Criticou que se trata dun programa “totalmente deficitario, inxusto e insolidario, que esquece totalmente ás persoas que viven e manteñen esta área protexida”, e que “non contempla nin un só Plan para o desenvolvemento socioeconómico do territorio e para a mellora da calidade de vida dos seus habitantes”.