Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 20 de maio no concello ourensán de Maside. O lume afectou 0,20 hectáreas de superficie arborada.
A investigación puxo de manifesto que o incendio foi provocado polo lanzamento de fogos de artificio, cando o índice de risco de lumes era extremo, polo que se tomou declaración a unha persoa como presunta autora.
A Policía Autonómica remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda do Carballiño.
Trátase da novena persoa investigada pola Policía Autonómica na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.
A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.