O carballiñes Felipe Senén premiado na XXVII edición dos premios Lois Peña Novo

O noso veciño e colaborador de Badal Novas Felipe Senén López ( arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador ) foi premiado na edición XXVII dos premios Lois Peña Novo

Parabéns máis que merecidos a Felipe

AVANTAR ACTIVIDADES

Acta do xurado da XXVII edición dos premios Lois Peña Novo

Sendo as 12:30 horas do día 23 de maio de 2023 reúnense na Pousada de Soutomaior os membros do xurado da XXVII EDICIÓN DOS PREMIOS PEÑA NOVO, Dª. MARISA CASTRO CERDEDA, bióloga e escritora -premiada na edición anterior-; Dª. PAZ FILGUEIRA PAZ, maxistrada Xulgado 1º instancia de Santiago de Compostela; D. XULIO RIOS PAREDES, escritor; D. ANTÓN DOBAO, escritor e lingüista e actuando de secretaria do xurado Dª. CARME PÉREZ VAQUERO, secretaria da Fundación Lois Peña Novo. Despois de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan conceder os premios nesta edición a:
PORTAL GCIENCIA, periódico dixital creado no ano 2013 que contribúe decisivamente a poñer en valor a lingua galega visibilizándoa a través das redes sociais e achegándoa á cidadanía. Nos 10 anos de existencia ten divulgado milleiros de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega promovendo unha valorización do galego en ámbitos científicos nos que a nosa lingua é minoritaria. Con máis de 400.000 seguidores únicos ao mes GCIENCIA convértese, por dereito propio, nun dinamizador de amplo espectro que provoca un efecto positivo na utilización do galego na sociedade, dotándoo do prestixio necesario para facerlle ver á cidadanía que o galego é unha lingua válida
para calquera disciplina e escorrentando prexuizos lingüísticos que tollen o seu uso acotío.
Dª. ROSA CASTRO LEGAZPI, guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos que marcaron un tempo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación. Autora de amplísima traxectoria profesional ten creado guións de grande éxito comercial como Mareas Vivas, Terras de Miranda ou As leis de Celavella, para medios de comunicación xeneralistas, promovendo un efecto multiplicador do uso da lingua galega na sociedade porque a través deles foi capaz de entender e adaptar a idiosincrasia do pobo galego aos tempos actuais. Desde aqueles primeiros anos nos que participou no espazo divulgativo Cousas da Lingua a hoxe, Rosa Castro consolidouse como unha das autoras de maior proxección dentro e fóra das nosas fronteiras.
D. FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ, arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador. Home de ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural de Galicia como parte indiscutible do acervo identitario do país. Especializado en museística procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade. Preocupado pola linguaxe simbólica na tradición galega defendeu sempre os valores culturais e lingüísticos de Galicia animando e promovendo accións a prol do uso do noso idioma en todas e cantas iniciativas promoveu ao longo da súa vida. Salienta o xurado a traxectoria dun home que ten dedicada toda a
súa vida á creación, investigación e divulgación das tradicións e da cultura do país.
E sendo as 14:30 horas do día indicado no encabezamento, dáse por rematada a xuntanza do que como secretaria do xurado dou fe.