Manuel Baltar: “Xa está ben de experimentos en Celanova. O domingo so hai unha papeleta que garante futuro para esta vila: a do equipo de Pablo Pérez e o PPdeOU”

Pablo Pérez: “Celanova merece moito máis do que tivo nos últimos catro anos. Máis proxecto, máis dedicación e máis compromiso, para ser a vila que queremos. Unha Celanova moderna, referencia da creatividade, do talento e con moito futuro”

  • O líder dos populares ourensáns e candidato á Deputación destacou no mitin de peche de campaña, celebrado esta tarde no Auditorio municipal de Celanova, a necesidade de abrir un novo ciclo nesta vila
  • “Celanova precisa un cambio de rumbo Foron catro anos perdidos, demostrando que a única razón de ser do actual goberno foi impedir que o Partido Popular seguise liderando Celanova”
  • “Xa está ben de experimentos en Celanova: ten que gobernar a lista máis votada, e a lista máis votada, e con maioría absoluta, vai a ser a do Partido Popular con Pablo Pérez á cabeza”
  • “Pablo Pérez ten ilusión e preparación, experiencia na xestión municipal e da administración provincial; leva por bandeira a cooperación e que sabe perfectamente o que necesita Celanova”, recalcou Manuel Baltar
  • “En Celanova so hai unha papeleta que é sinónimo de futuro para este concello, unha vila cultural e patrimonial como poucas, que merece e que ten que estar á altura das máis importantes de Galicia”
  • “O instrumento para recuperar a visibilidade de Celanova e potenciar o futuro desta vila será, nin máis nin menos, o traballo de Pablo Pérez ao fronte da Alcaldía. Con acreditada experiencia e con coñecemento do territorio, con capacidade para deseñar proxectos transformadores e tecer liñas de colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia”
  • “O Plan de Mandato 2127 sitúa a Celanova nun lugar completamente preferente, con iniciativas estratéxicas no turismo, a dixitalización, a cultura ou o reforzo das políticas sociais”, destacou Manuel Baltar

PABLO PÉREZ: “QUEREMOS A MAIORÍA ABSOLUTA, E A CONSEGUIREMOS CUN PROXECTO E UN EQUIPO NO QUE SE PODEN VER REFLEXADOS TODOS OS VECIÑOS DE CELANOVA”

AVANTAR ACTIVIDADES
  • O candidato popular remarcou no mitin desta tarde a importancia da capacidade de deseñar proxectos e atopar a colaboración institucional para desenvolver as potencialidades de Celanova
  • “Hoxe, Celanova non ten proxecto municipal, está nunha situación de parálise e deixadez absoluta. Fanse pequenas actuacións deslabazadas, inconexas”, lamentou Pablo Pérez, nunha intervención na que foi moi contundente: “Celanova merece moito máis, merece máis para ser o referente que todos queremos que sexa. Máis proxecto, máis dedicación, máis compromiso”
  • “Apostamos por un programa con ambiciosos plans de vivenda, infraestrutura, ocio, deporte, actividades… queremos unha Celanova para vivir, sen complexos, moderna, vangardista. Cun proxecto turístico, cultural e patrimonial que nos situará como referente autonómico e que permitirá dinamizar o sector servizos, ou programa xeriátrico-asistencial para coidar da nosa poboación e xerar postos de traballo xunto á ampliación do polígono industrial”
  • “Temos claro a Celanova que queremos e as situacións precisas para situala onde lle corresponde: un referente en Galicia. O reto é grande, pero como candidato, e con toda humildade, ofrezo aos veciños a miña experiencia en xestión pública nestes oito últimos anos como deputado no goberno provincial” 
  • “Traballamos para a maioría absoluta, cun proxecto e cun equipo no que se poidan ver reflexados todos os veciños de Celanova, de calquera cor política. Iso é o importante e para iso traballamos”, remarcou Pablo Pérez