O Psdeg-Psoe impulsa un pleno extraordinario para clarexar unha “trama familiar” dos baltar que “esquilma” ourense con “prácticas corruptas, mafiosas e caciquís”

O Grupo Socialista impulsa un pleno extraordinario e urxente para aclarar as prácticas ilegais destapadas en audios e conversas de Whatsapp que implican ao presidente da Deputación e ao seu irmán

Os e as socialistas reclaman a dimisión inmediata dos implicados, así como dos alcaldes e alcaldesas do PP que participan nas ilegalidades destapadas, de viva voz, por José Luis Baltar Blanco

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 27 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia a existencia dunha “gran trama familiar” dos Baltar, co único fin de “esquilmar” a provincia de Ourense mediante “practicas corruptas, caciquís e mafiosas desde a Deputación”. Logo da difusión de audios e conversas de Whatsapp nas que José Luis Baltar Blanco relata mordidas, comisións e todo tipo de ilegalidades nos procesos de contratación da institución ourensá, os e as socialistas acordaron impulsar un pleno “extraordinario e urxente” para clarexar uns “feitos gravísimos” que “salpican directamente ao actual presidente provincial e súa formación política”, xa que nas conversas tamén se detallan evidentes prácticas de financiamento ilegal.

Desde o Grupo Provincial do PSOE reclaman tamén reclaman a “inmediata dimisión” de todos os implicados e implicadas, así como a dos alcaldes e alcaldesas do Partido Popular que participan nesta trama destapada, de viva voz, polo irmán de Baltar. De feito recordan que varios informes do Consello de Contas xa confirmaron a existencia dunha “trama de intereses espúreos” baseada, entre outras irregularidades, nos contratos masivos a dedo e nas desmesuradas subvencións nominativas aprobadas por Manuel Baltar semana tras semanas desde que herdou o posto do seu pai.

“Non é a primeira vez que denunciamos que estas prácticas ilegais suceden na Deputación día tras día, pero si é a primeira vez que unha persoa do clan Baltar recoñece e aplaude este bochornoso carrusel de ilegalidades”, destacan desde o PSdeG-PSOE antes de recordar que “os enchufes masivos polos que foi condenado Baltar pai, eran só a punta do iceberg dunha basta trama familiar corrupta que parasita, desde hai tres décadas, institucións públicas que son de todos e todas ou ourensáns”.

Desde o PSdeG-PSOE “condenan rotundamente” estes feitos e solicitan un “acordo unánime” ao resto de grupos políticos da corporación provincial, para permitir que o máximo órgano da institución “poña negro sobre branco” ante un “sistema caciquil que xa contamina a concellos, empresas e deputación só para favorecer os intereses económicos” do “clan familiar”. “Vai negar Manuel Baltar estes feitos? Vai dicir que o que fala e describe esas ilegalidades non é o seu irmán? Dirá que todo o relatado por José Luis Baltar é un invento?”, pregúntase os e as socialistas.

“O pleno extraordinario é a única vía que nos queda para aclarar estes turbios asuntos, porque o presidente e os seus palmeiros sempre se negaron a que estes temas sexan tratados no pleno ordinario ou nas comisións”, denuncian desde o PSdeG-PSOE antes de sinalar que “a política é un exercicio lexítimo e dignificante, polo que xa é hora de que en Ourense recupere o pulo, o brillo e a credibilidade que nos está a roubar unha saga familiar que xe chama Baltar, manchando a honorabilidade e a historia da institución e da provincia”. “É a hora da verdade, da honestidade e de cambiar as cousas”, insisten.

15 días hábiles para celebrar o pleno

Segundo a Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, o goberno provincial de Manuel Baltar ten 15 días hábiles para convocar este pleno extraordinario. Se o aínda presidente non firma a convocatoria para a celebración nese prazo, a sesión quedará automaticamente convocada ás 12 da mañá do décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo, o que deberá ser notificado polo Secretario Xeral a toda a corporación.