
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de 491.115,55 euros en axudas para cooperar cos concellos e entidades da provincia.
A maior contía deste paquete de achegas, 476.115,55 euros, vai destinada ao financiamento de 8 proxectos de carácter municipal.
En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha subvención de 48.000 euros a favor do Concello de Avión para arranxar a estrada de Mangüeiro; unha achega de 7.000 euros a favor do Concello dos Blancos para obradoiros de baile tradicional, gaita e percusión, pandeireta e cantos populares da Escola Municipal de Gaitas; e unha partida de 32.115,55 euros a favor do Concello de Cortegada para o cofinanciamento do Plan Hurbe.
Completando as liñas de colaboración cos concellos ourensáns aprobadas esta mañá, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 25.000 euros a favor do Concello de Xunqueira de Ambía para organizar o Verán cultural; unha subvención de 72.000 euros a favor do Concello de Petín para executar a obra de arranxo da estrada de acceso a San Paio; e unha achega de 60.000 euros a favor do Concello de Pontedeva para o cofinanciamento de diversos proxectos en colaboración coa Xunta de Galicia.
Ademais, o Concello da Veiga contará con 160.000 euros para a construción do centro residencial municipal “Residencia A Pateira” e o Concello de Vilar de Barrio recibirá unha subvención de 72.000 euros para o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil enfocado no saneamento e depuración do río Arnuide.
Por outra banda, en colaboración con entidades, a asociación Establecementos Asociados do Ribeiro será beneficiaria de 15.000 euros para financiar actividades desta entidade.