Mar Mato recibe o XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

A redactora de Faro de Vigo recibiu o galardón, dotado con 10 000 euros, promovido pola Obra Social de ABANCA, polo artigo «Réquiem por un sombreiro»

I No acto, que se celebrou hoxe na Sede Afundación Vigo, o xurado anunciaba a súa resolución entre as tres persoas finalistas: Mar Mato, Manuel Varela e Begoña R. Sotelino

AVANTAR ACTIVIDADES

30.05.2023. Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebrou hoxe na Sede Afundación Vigo o acto de entrega do XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Mar Mato polo seu artigo «Réquiem por un sombreiro» publicado en Faro de Vigo o 04/09/2022. Este texto será incluído, a xeito de separata, no libro conmemorativo deste vixésimo aniversario que acaba de saír do prelo.

Acompañaron a premiada, ademais das outras dúas persoas finalistas, Manuel Varela e Begoña R. Sotelino, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; e as persoas integrantes do xurado: Víctor Freixanes, presidente; Fina Casalderrey, vogal; María Varela, vogal; Gloria Rodríguez López, vogal; Xosé Carlos Caneiro, vogal; e Francisco Castro, vogal e premiado na pasada edición.

Desde Afundación incidiuse en que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura, especialmente nun ano no que Francisco Fernández del Riego é dobremente conmemorado: co Día das Letras Galegas e o noso galardón, que lle recoñece, cada ano, o labor a prol das letras, da cultura e do progreso a través de ambas». Ademais, insistiuse nos «parabéns por esta distinción ás tres persoas finalistas, porque a concorrencia constante a este certame, que nesta ocasión marca un récord, reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade».

A continuación, o presidente do xurado, Vítor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos e corroboran a idea que comentabamos o ano pasado: as xornalistas literarias engrandecen a nosa literatura».

Mar Mato quixo destacar «o agradecemento e a emoción de poder contar co Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. E quero agradecer a Afundación, a Obra Social de ABANCA, o apoio ao xornalismo, e, en concreto, ao xornalismo en galego. O seu papel é fundamental nestes tempos complicados para a nosa profesión e para as letras galegas». Tamén recoñeceu o valor de quen o acompañaron na candidatura de finalistas, Manuel Varela e Begoña R. Sotelino, e que foron obsequiados con cadansúa lámina de autor en calidade de finalistas. Finalizou a premiada agradecendo o apoio das súas compañeiras e compañeiros no Faro de Vigo, e, moi especialmente, da súa familia.

Nesta ligazón están as imaxes do evento e a biografía de Mar Mato xunto ao seu artigo gañador:

https://drive.google.com/drive/folders/1jWVl2bRFyF1DpEP8kuTo3-FJgsWBgpZW?usp=sharing