Paco Rodríguez declina a invitación de Manuel Cabezas por considerar que é a dirección do Psdeg a que ten que marcar os tempos das negociacións e os pactos

Logo da reunión desta tarde da Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE, o candidato á alcaldía de Ourense da formación, Paco Rodríguez, declina a invitación feita por Manuel Cabezas, número un do PP no mesmo concello para as eleccións do 28 de maio, para asistir a un encontro xunto ao líder municipal do BNG, Luis Seara.

Entenden os e as socialistas ourensás que os marcos e tempos deben ser, en todo momento, os estipulados pola dirección galega e non consideran oportuno nin favorable contribuír ao ruído xa xerado respecto ás negociacións tralos resultados obtidos nas urnas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Respaldan, neste senso, as declaracións do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín Gonzalez Formoso, e do secretario de organización, José Manuel Lage, realizadas hoxe ante os medios de comunicación en Santiago de Compostela. Foi o primeiro o que lembrou que nas decisións sobre “pactos tan relevantes” é a dirección a que debe estar ao mando, sempre co refrendo de Ferraz.