O Psdeg-Psoe de Ourense insiste na paralización urxente dos procedementos de contratación do concello que se levaron a cabo no presente mandato de Jácome

“A rúa Concordia ou o Matadoiro son só a punta do iceberg dunha ampla rede de irregularidades”, expuxo a secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González

É máis que probable que existan máis casos que conveña investigar nas obras adxudicadas durante o presente mandato”, afirmou sobre o asunto a tamén voceira en funcións dos socialistas no Concello

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 7 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense considera necesario que se deteñan de forma urxente os procedementos de contratación do Concello. “A rúa Concordia ou o Matadoiro son só a punta do iceberg dunha ampla rede de irregularidades e dun ‘modus operandi’ que non debería funcionar libremente e con total impunidade nunha institución pública”, sinalou a voceira en funcións do grupo municipal socialista, Natalia González.

Nesta liña, engadiu que é imprescindible a transparencia nos procesos de contratación e que a xestión pública require responsabilidade por parte dos representantes políticos. “A xustiza debe actuar e os responsables render contas xa porque é un escándalo. E é máis que probable que existan máis casos que conveña investigar nas obras adxudicadas durante o presente mandato”, afirmou a tamén secretaria xeral da formación en Ourense.

Así mesmo, indicou que a denuncia feita pola empresa que inscribiu a oferta máis barata –do total das 17 que houbo– debe servir para ampliar a axilizar as dilixencias das xa presentadas nos xulgados da capital polas diferentes forzas políticas. E lembrou que o contrato foi a parar á empresa máis cara á que o alcalde en funcións, Gonzalo Pérez Jácome, refírese nos audios publicados nos medios de comunicación.

“Non é normal, nin se pode banalizar, unha contratación pública como un modo de arranxar posibles intereses particulares. Nós cremos que deben responder ao interés xeral porque se fai co diñeiro de todas e todos”, rematou remitíndose ao xa reiterado en múltiples ocasións antes e durante a pasada campaña electoral.