O Psdeg-Psoe de Ourense valora positivamente a apertura de dilixencias penais contra Jácome

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Psdeg-Psoe de Ourense valora positivamente a apertura de dilixencias penais contra Jácome e insiste na necesaria paralización das contratacións do seu mandato

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Poñémonos á disposición da Xustiza para colaborar en todo o que sexa necesario e ampliaremos as denuncias de tódalas presuntas irregularidades”, sinalou a secretaria xeral da formación en Ourense

“Non podemos consentir que a cidade se converta en Marbella. E non todos os políticos somos iguais”, incidiu Natalia González

Ourense, 8 de xuño de 2023. A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, valora positivamente a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía contra o actual rexedor en funcións, Gonzalo Pérez Jácome. “Consideramos unha boa nova que a Xustiza proceda a investigar tódalas informacións aparecidas nos últimos meses nas que estamos a falar de presuntas irregularidades na contratación pública do Concello de Ourense”, indicou ao respecto do publicado hoxe nos medios de comunicación.

En consonancia con esta posición, os e as socialistas urxen que se proceda tamén á paralización das contratacións levadas a cabo durante os últimos catro anos “para evitar males maiores ata que se confirme, ou non, que os procedementos efectivamente están viciados e adulterados e se cometeron por parte dos actuais responsables públicos os delitos denunciados polas formacións políticas”, engadiu a tamén voceira do grupo municipal no Consistorio.

Sobre a petición da Fiscalía ao diario La Región dos audios publicados as pasadas semanas –nos que se escoitaba supostamente ao actual alcalde reclamar mordidas, falar sobre financiación ilegal para as eleccións municipais, solicitar a varios traballadores que asumisen unha multa por el ou realizar contratacións de obras ao marxe da lei– a secretaria xeral tamén foi clara. “Poñémonos á disposición da Xustiza para colaborar no que sexa necesario e ampliaremos as denuncias de tódalas presuntas irregularidades que consideremos oportunas, relacionadas cos expedientes aos que tivemos acceso a día de hoxe”, advertiu.

“Actuaremos, como sempre fixemos, con prudencia e responsabilidade, pero con contundencia para evitar que o noso Concello e a cidadanía sigan a pagar as irresponsabilidades de responsables públicos que priorizan os seus intereses persoais e electorais sobre a transparencia, a honestidade e a boa xestión que deben rexer o futuro de Ourense. Non podemos consentir que se converta en Marbella. E non todos os políticos somos iguais”, rematou con contundencia.