O BNG cumpre coa palabra dada e esixe a Rueda e Feijóo que expliquen porqué Jácome é de novo alcalde do Concello de Ourense

Os catro representantes do BNG cumpriron co que dixeran ao longo da campaña e votaron a favor do candidato do PSdeG-PSOE no Pleno de Constitución celebrado esta mañá para facilitar un cambio na alcaldía

Desde a formación nacionalista esixen que Feijóo e Rueda expliquen o acordo con Jácome logo de ter reiterado en campaña que “baixo ningún concepto” pactarían de novo con el

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 17 de xuño de 2023. Sen sorpresas pois “xa o tiñan feito”. Así cualifica o BNG o acontecido esta maña no Pleno de constitución do Concello de Ourense no que o actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome repetirá no cargo durante o vindeiro mandato logo de que así o posibilitara o PP.

Ao remate da sesión e logo de facer unha ofrenda floral diante da estatua homenaxe a Bóveda, o Concelleiro electo e futuro Portavoz municipal do BNG Luís Seara manifestaba que o acontecido “ten que ver co que representa o PP en Ourense, o máximo expoñente da indignidade política”, e engadía, “por segunda vez, o PP decide castigar a Ourense votando a Jácome para que sexa alcalde”.

Seara lembrou que “o BNG leva dicindo desde hai moito tempo que Jácome e o PP son o mesmo, son as dúas caras dunha mesma moeda e hoxe acabamos de velo. Son o expoñente do peor da política, son o exemplo da corrupción e do caciquismo en Ourense”.

O futuro Portavoz municipal do BNG foi moi claro e reclamoulle tanto a Feijóo como a Rueda “que lle dean explicacións ás veciñas e veciños de Ourense por ter tomado unha decisión que castiga novamente ao noso Concello”.

“O BNG é unha Organización seria, coherente e rigorosa como ten amosado de xeito reiterado e por tanto nós, sendo serios e rigorosos, tomamos a decisión que as veciñas e veciños puxeron nas nosas mans e por iso votamos ao candidato do PSdeG-PSOE para que houbera unha alternativa a este despropósito”.

Luís Seara ten claro que o PP non quixo cambiar as cousas e acusounos de xogar coa veciñanza, creando nas últimas semanas escenarios “para xustificar agora a súa indecencia e indignidade, escenarios nos que nunca entrou o BNG pois non queremos converter a política no mercado no que a converteron o PP e DO. Nós estamos pola decencia e a rexeneración política”.

Seara rematou trasladando unha mensaxe de esperanza ás veciñas e veciños e afirmou que “dámoslle as grazas polo seu apoio e que saiban que non os imos defraudar. A partir do luns imos traballar con forza, con ansia e con gañas para construir esa alternativa entre todas en todos que lle devolva o orgullo á veciñanza e a dignidade á institución”.