Patricia Torres, José Miguel “Chemi” Pérez e César Fernández son elixidos deputados provinciais polos concelleiros das XEZ do Carballiño, Trives e Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o alcalde de San Xoán de Río, José Miguel “Chemi” Pérez, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, foron elixidos esta mañá deputados provinciais despois de ser votados respectivamente polos edís populares dos concellos pertencentes ás Xuntas Electorais de Zona (XEZ) do Carballiño, Trives e Ribadavia. 

Deste xeito, Patricia Torres, Chemi Pérez e César Fernández formarán parte da corporación provincial para o mandato 2023-2027 dentro do grupo do PPdeOU, tomando posesión da súa acta de deputado na sesión de investidura da corporación provincial que se celebrará no mes de xullo. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Patricia Torres amosou o seu agradecemento por ser votada polos “meus compañeiros concelleiros da comarca”, e celebrou revalidar a súa acta de deputada provincial, “despois de catro anos nos que puiden traballar no desenvolvemento das políticas culturais, un eixo completamente estratéxico para o futuro de Ourense”. 

A alcaldesa de Boborás  incidiu na “importancia de seguir potenciando entre todos, e con todas as nosas forzas, o potencial da nosa provincia” e remarcou o “meu compromiso e traballo en favor da comarca do Carballiño e Ourense”. 

Pola súa banda, Chemi Pérez sinalou que é unha “fonda honra ser designado por primeira vez deputado provincial polos meus compañeiros”. Esta elección, valora o alcalde de San Xoán de Río, “remarca o compromiso do PPdeOU coas comarcas e co traballo desenvolvido dende os concellos a prol do territorio”. 

Chemi Pérez avanza que “traballarei pola provincia como por San Xoán de Río e por Trives, sempre apostando polo futuro do noso rural”.

Mentres tanto, César Fernández destacou a súa “ledicia e sentimento de enorme responsabilidade por poder seguir traballando polo futuro da provincia de Ourense na Deputación, un actor imprescindible no seu rol de cooperador cos concellos e o tecido asociativo, así como na blindaxe dos servizos públicos”. 

O alcalde de Ribadavia agradeceu “a todos os meus compañeiros que confiaran en min para seguir afondando ao longo dos próximos catro anos nas políticas realmente transformadoras do territorio”. César Fernández tamén sinalou as súas gañas de “traballar pola comarca do Ribeiro e a provincia de Ourense”.