Ana Vázquez: “Que o próximo presidente do Goberno sexa un ourensán que coñece cada recuncho da provincia é un plus que reforza as nosas candidaturas”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Hoxe, no acto de presentación das candidaturas do PP de Ourense ao Congreso e o Senado para as eleccións do 23 de xullo celebrado no Mosteiro de San Pedro de Rocas

  • A cabeza de lista á Cámara Baixa afea a Pedro Sánchez que apostase por outros territorios ao tempo que se esquecía de Ourense, especialmente en materia de infraestruturas
  • Carmen Leyte criticou que Ourense sexa a única cidade galega á que chega o AVE e non teña unha estación de tren en condicións
  • Paula Prado salientou algunhas das propostas económicas de Feijóo como a rebaixa de impostos ás rendas inferiores a 40.000 euros, unha maior facilidade para que os autónomos desenvolvan o seu traballo no día a día, rebaixas fiscais para atraer e reter o talento ou rendición das trabas administrativas para a creación de empresas
  • Manuel Baltar: “Traballaremos arreo para contar cun magnífico resultado, ese 3-1 que tivemos no seu momento e que volveremos ter apoiados no gran ‘acelerador do votante’ que supón contar con Feijóo como o próximo presidente do Goberno de España”

27 de xuño de 2023. A número 1 da candidatura do PP de Ourense ao Congreso, Ana Vázquez, destacou hoxe que “o feito de que o próximo presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, sexa ourensán é un plus para nós porque reforza as nosas candidaturas pero sobre todo para Ourense, porque coñece cada recuncho da nosa provincia”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A candidata asegura que ela e os seus compañeiros se presentan para facer fronte aos agravios de Pedro Sánchez á provincia de Ourense, entre os cales destacou os atrasos na estación intermodal. “As obras xa tiñan que estar iniciadas en xuño de 2019 e acaban de ser licitadas en plena campaña das municipais, cunha duración de 6 anos nos que os taxistas estarán ao sol e á choiva e se producirán aglomeracións”.

“Sánchez apostou por outros territorios, esquecéndose de Ourense. Vemos por exemplo a A-56, completamente paralizada pese a ser un eixo vertebrador do interior de Galicia”. Só hai que ver o estado da Variante Norte, explicou, cun primeiro tramo “practicamente parado 12 meses despois do inicio formal das obras e o segundo tramo, Quintela-A Casilla, que leva máis de catro anos en redacción, sen ningún tipo de xustificación”.

“O agravio para Ourense é enorme, porque para esta cidade é fundamental aliviar a actual intensidade de tráfico e contar co bulevar termal, tan agardado polos veciños”, concluíu ao respecto.

Vázquez tamén denunciou os “enormes atrasos” no proxecto de mellora do saneamento do río Bermaña: “Estas obras, tan necesarias para a provincia, deberían estar adxudicadas pero o certo é que, por falta de dilixencia, aínda están na fase de tramitación ambiental”. Ao estar cofinanciada con fondos FEDER, advertiu, a data límite para certificar o gasto neste proxecto é o 31 de decembro de 2023 e o prazo para finalizar a actuación esgótase o 31 de marzo de 2025: “Consideramos que hai suficientes motivos para estar moi preocupados porque está en risco perder os 14,9 millóns de euros previstos de financiamento europeo”.

“Tamén é inxustificable a demora de ADIF na licitación das obras de mellora da permeabilidade de Ourense na rúa Ramón Puga e na rúa Ramón Puga e na rúa de Tarascón. Actuacións comprometidas nun protocolo asinado en xuño de 2016 e conveniadas en decembro de 2021 entre ADIF e o Concello de Ourense. Pese ao tempo transcorrido e o evidente risco para os veciños que usan estes pasos, ADIF segue sen licitar as obras alegando unha suposta revisión de prezos”, explicou.

Ademais, a cabeza de lista popular ao Congreso remarcou tamén que, catro anos despois, aínda non se sabe onde se ubicará a nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Ourense. “A pesar de que en todos os Orzamentos Xerais do Estado aprobados por Pedro Sánchez figuraba unha partida para este proxecto, foi incapaz de levalo adiante. O cal acredita unha evidente falta de xestión e dilixencia cando, mentres tanto, a Xunta si fixo os seus deberes e xa dispón de terreos para construír a súa nova sede central na cidade de Ourense”, rematou.

CARMEN LEYTE: “CADA VEZ QUE RECLAMAMOS AS DÉBEDAS DESTE GOBERNO COA PROVINCIA SÓ OBTIVEMOS A CALADA POR RESPOSTA”

Pola súa banda, a número 1 ao Senado, Carmen Leyte, reivindicou ao PP como “o partido que máis se parece a Ourense e a Galicia” e que tanto ela como os seus compañeiros de candidatura “levamos moitos anos traballando por esta provincia, en diferentes facetas pero sempre coa mesma ilusión por acadar novos proxectos”.

Incidiu en que, ao longo desta última Lexislatura, “cada vez que reclamamos as débedas deste Goberno coa provincia de Ourense só obtivemos a calada por resposta”. De feito, considera “paradóxico” que “a única cidade de Galicia á que chega o AVE non teña unha estación de tren en condicións”.

Leyte asegurou que o programa dos populares “recolle as inquedanzas e as melloras deseñadas para mudar todo o que o sanchismo alterou na vida dos cidadáns deste país” e puxo en valor que Alberto Núñez Feijóo é quen mellor coñece a provincia: “É un gran xestor e á persoa capaz de recuperar o tempo perdido nestes anos de sanchismo e devolver a Ourense, a Galicia e a España todo o que necesitamos”.

PAULA PRADO: “OS CIDADÁNS EXPRESARON NAS URNAS QUE NON QUEREN MÁIS SANCHISMO EN GALICIA NIN EN ESPAÑA”

A secretaria xeral do PPdeG destacou as políticas do partido como un modelo a seguir das cousas que se fan ben: “A diferenza do populismo económico de Sánchez, en Galicia temos demostrado con medidas e con feitos unha aposta clara polo emprego e polo futuro económico da nosa terra”.

De feito, salientou, agora Alberto Núñez Feijóo toma como exemplo algunhas destas medidas no seu programa, mediante a rebaixa de impostos ás rendas inferiores a 40.000 euros, unha maior facilidade para que os autónomos desenvolvan o seu traballo no día a día, rebaixas fiscais para atraer e reter o talento ou rendición das trabas administrativas para a creación de empresas.

“Queremos que o 23 de xullo sexa un paso máis do cambio que se iniciou o 28 de maio, onde os cidadáns expresaron nas urnas unha mensaxe clara: que non queren máis sanchismo en Galicia nin en España”, aseverou.

BALTAR: “TEMOS O MELLOR EQUIPO, O PROGRAMA E O MELLOR CANDIDATO”

O presidente provincial recordou que a última vez que o PP de Ourense presentou candidaturas en San Pedro de Rocas, obtivo tres deputados. Polo que apostou por repetir eses resultados, 3-1, tamén nesta ocasión no Congreso e no Senado.

Baltar puxo en valor que a formación provincial está “perfectamente engraxada” e aspira a gañar as xerais como se gañaron as municipais: “Temos todo para conseguir un gran resultado o 23 de xullo porque temos o mellor equipo, o mellor programa e o mellor candidato”.

Resaltou ademais a traxectoria e o traballo dos candidatos con experiencia no Congreso e no Senado, como Ana Vázquez, Celso Delgado ou Carmen Leyte, xunto ao valor engadido que outorgan nomes como Rosa Quintana, “coa súa enorme experiencia na Xunta de Galicia”, ou Luis Menor, ao que definiu como “un excelente alcalde cun gran resultado nas últimas municipais e que representa o coñecemento do poder local”.

Do mesmo xeito referiuse ás incorporacións de Miguel Ángel Michinel, que deu o seu primeiro paso en política integrado na candidatura de Manuel Cabezas, ou Rosa María Sánchez Gándara, á que definiu como “unha persoa que da agora un paso adiante e únese a un proxecto para falar tamén dos veciños coa sociedade civil”.

“Traballaremos arreo para contar cun magnífico resultado, ese 3-1 que tivemos no seu momento e que volveremos ter apoiados no gran ‘acelerador do votante’ que supón contar con Alberto Núñez Feijóo como o próximo presidente do Goberno de España”, concluíu.