A pintura como terapia na exposición “Tres xeracións, tres miradas”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vicepresidente Rosendo Fernández participou esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel na inauguración da mostra de Joaquín Moldes, Sandra Moldes e Raisa Paz

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 29 de xuño de 2023.- Joaquín Moldes foi diagnosticado cunha enfermidade neurolóxica e seguindo os consellos médicos adoptou a pintura e a arte como elementos terapéuticos e sanadores para reducir e atrasar os efectos da súa doenza. Ademais, xuntou á súa filla e á súa neta nun proxecto de apoio mutuo e homenaxe ao esforzo e ao espírito de superación. Así nace “Tres xeracións, tres miradas”, unha mostra na que Moldes está acompañado de Sandra Moldes e Raisa Paz para ofrecer tres miradas completamente diferentes do mundo que nos rodea.

A exposición, promovida polo Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense e comisariada polo tamén pintor Gonzalo Sellés, abriu esta tarde as portas nunha inauguración na que estivo presente o vicepresidente provincial Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; os artistas e o propio comisario dunha mostra que estará aberta ao público ata o vindeiro 25 de xullo. 

Na súa intervención, Rosendo Fernández salientou a capacidade da institución provincial para ofrecer, dende unha perspectiva provincial, iniciativas innovadoras coma esta. Unha exposición convertida “nun proxecto que ten como principal obxectivo a superación dos medos e a valentía de expresarse publicamente a través da arte. Moldes busca liberar os seus temores a través da pintura e animar a outros a facer o mesmo”, sinala o comisario da mostra, que agradeceu ao centro da Deputación de Ourense a súa implicación e apoio a un proxecto tan singular e simbólico coma este.

Na mesma liña manifestouse o protagonista desta iniciativa, que lembrou como empezou a pintar de maneira case compulsiva e a seguir todas as iniciativas artísticas que se producen na nosa cidade. Lembrou como iniciou os contactos co centro cultural da Deputación para presentar este proxecto e como o seu escepticismo se foi convertendo en confianza segundo ían avanzando os prazos e se concretaban os diferentes aspectos que rodean unha mostra  nun recinto coma o que nos acolle.

“Esta é a segunda exposición na que afrontamos unha visión da arte como elemento terapéutico”, sinalou pola súa banda Francisco González, director do centro, despois de pechar hai uns días a exposición “Escoitar cos ollos. Arte e loucura”, na que se fixo un amplo percorrido ao uso terapéutico da arte en pacientes psiquiátricos da provincia de Ourense.