“Trátase dunha máis da batería de chapuzas de alto custe de rampas e elevadores de Jácome por toda a cidade”, sinalou Natalia González, voceira do grupo municipal socialista
– Esixe que se dean a coñecer de forma inmediata os prazos de execución e que o Concello poña solución ao problema á veciñanza de O Couto logo de levar cinco meses sen escaleira en Avilés de Taramancos
Ourense, 4 de xullo
A voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González, esixe explicacións ante as obras paradas “sine die” dos elevadores nas rúas de Avilés de Taramancos e Rosalia de Castro. No primeiro caso a reforma de accesibilidade fíxose pública polo propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, fai cinco meses e no segundo, fai mes e medio.
“Trátase dunha máis da batería de chapuzas de alto custe de rampas e ascensores de Jácome por toda a cidade. Na rúa Rosalía de Castro puxeron unha caseta de obras que leva pechada desde maio e no que se refire ao ascensor que comunicaría a rúa Avilés de Taramancos con Ervedelo o problema é máis grave logo de que se eliminase o acceso peonal por completo”, explicou a tamén secretaria do PSdeG-PSOE en Ourense.
A parálise do elevador no barrio de O Couto está a provocar un grave prexuízo para a veciñanza dunha zona históricamente mal comunicada que agora, ademais, debe dar un gran rodeo. Dita obra anunciouse sen ter en conta a existencia dun transformador de media tensión, unha situación que os e as socialistas comparan co acontecido na instalación das rampas da rúa Concordia –onde o proxecto inicial tivo que ser modificado por ignorar cuestión básicas como a instalación do colector de saneamento ou o acceso ás propias vivendas–.
“Esta situación supuxo un despilfarro de 700.000 euros, un 20% por riba do previsto inicialmente. E gustaríanos estar equivocadas, pero pensamos que nesta ocasión vai acontecer o mesmo. A cidadanía remata pagando do seu peto os caprichos megalómanos de Jácome”, advertiu a voceira do grupo municipal. “Hai case 14.000.000 de euros en rampas e ascensores adxudicados sen garantías de como se van sufragar as súas construccións, se haberá sobrecustos e sen que se contemplase, nin informase, canto suporá o mantemento das mesmas para as arcas públicas da cidade” denunciou.
Así as cousas, os e as socialistas de Ourense esixen coñecer os prazos de execución das obras anunciadas e que o goberno local ofreza solucións á veciñanza que se atopa máis incomunicada polas chapuzas do alcalde. Con máis premura, se cabe, coas altas temperaturas que xa se están a rexistrar, propias do verán.
En total, a obra de Concordia supuxo 5 millóns de euros, a de Avilés de Taramancos estaba orzamentada en 540.000 euros, a da rúa Rosalía de Castro en 1,8 millóns de euros, a da Cruz Alta en case un 1.100.000 euros e Nicomedes Pastros Díaz en 1.667.000 euros. Todo elo sen contar cos gastos de mantemento. “Tememos que as obras rematen sendo todas o mesmo: unha total ausencia de planificación e un gran despilfarro de cartos públicos”, rematou Natalia González.