O BNG amósase contrario á proposta do Goberno Local de habilitar unha cafetería na Sala Valente

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Desde a formación nacionalista rexeitan os argumentos esgrimidos polo Rexedor para defender a proposta, lembran que o Museo Municipal continúa pechado e temen que este sexa o primeiro paso para desmantelar e privatizar o uso da Sala Valente

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 07 de xullo de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense saíu hoxe ao paso da última “ocorrencia”, así a cualifica o Portavoz nacionalista Luís Seara, do alcalde Gonzalo Pérez Jácome e na que propón a habilitación dun espazo para uso de cafetería na Sala de Valente, “o único espazo expositivo en activo a día de hoxe do Concello”.

Segundo Luís Seara, “os argumentos esgrimidos polo alcalde son insostibles e o único que pretende con esta proposta é, ao noso entender, ir baleirando de contido cultural a Sala para posteriormente mudar o seu uso e cederlla en réxime de concesión a algún coñecido seu, algo que por certo xa tentou facer coa Praza de Abastos da Ponte”.

Desde o BNG lembran que a oferta cultural do Concello de Ourense no anterior mandato foi moi escasa por non dicir inexistente e demandan unha vez máis a reapertura do Museo municipal e a recuperación “da actividade cultural previa á chegada de Jácome a alcaldía e que, en contra do que se pretende facer crer, tan ben funcionaba, converténdonos en referente cultural grazas aos certames e festivais que se celebraban no noso Concello”.

Desde a formación nacionalista entenden que “se o que pretende o alcalde é aumentar o número de visitantes, o que cómpre é fomentar, divulgar e publicitar o Museo, a Sala Valente e o espazo expositivo de Arturo Baltar, aumentando a oferta expositiva e permitindo que grupos, colectivos e asociacións poidan facer usos das súas instalacións de xeito gratuíto para o desenvolvemento de actos, encontros ou actividades diversas”.

Por último, o Portavoz municipal do BNG agarda que a proposta difundida hoxe polo Concello “quede en papel mollado como outra das tantas ocorrencias coas que o alcalde salpicou todo o mandato anterior”. Seara deixa claro que “no BNG somos contrarios á proposta e temos dúbidas a respecto da súa viabilidade desde o punto de vista dos usos permitidos para ese espazo”. E remata, “estaremos vixiantes ante calquera movemento e o que parece querer ser un novo pelotazo desta volta a costa do noso sector cultural “.