Víctor Senra e David Vázquez, aos mandos do Citroën C3 WRC, lograron a victoria no Rallye Sur do Condado, quinta proba puntuable do Campionato Galego da modalidade na que a climatoloxía xogou un papel importante, especialmente ata o mediodía.
Senra e Vázquez, que na cita pontevedresa sumaron o seu quinto triunfo en outras tantas citas puntuables, cederon o mellor crono no primeiro dos treitos cronometrados, pero despois xa dominaron con man de ferro para asentar aínda máis o seu liderato no certame autonómico.
O equipo do WRC aventaxou en 32.8 segundos aos que finalmente foron os segundos clasificados, Alberto Meira e Avelino Martínez, que comezaron liderando a proba, pero que pouco puideron facer contra a superioridade mecánica do seu rival. Inda así Meira e Martínez sumaron o seu quinto primeiro posto consecutivo no Supercampionato Recalvi R5 e na Top Ten Pirelli Driver Autia A.
O terceiro posto da proba foi para Jorge Pérez Oliveira e Miriam Vera, que despois de vender o Suzuki Swift N5 a Asturias debutaron cun Hyundai I20 R5 adquirido fai tan só uns días en Francia.
Oliveira e Vera apenas puideron rodar antes da proba co vehículo coreano, pero foron evolucionando nos cronos e probando distintas solucións de cara a vindeiras carreiras, situándose a 1:37.992 do vencedor.
Completaron os cinco primeiros clasificados Javier Ramos e José Pintor e o equipo becado pola FGA composto por Alexis Vieitez e Cristian Álvarez.
Na Top Ten Pirelli Driver Pirelli C, o primeiro clasificado foi Rubén López e Damián Outón. Completaron o podio Javier Estévez e Adrian Álvarez e Manuel Souto e Pablo Gregorio.
Diego Félix e Ian Quintana foron fixéronse co triunfo dentro da Clio Trophy Galicia, seguido de Joaquín e Borja Rasilla e Jorge Coca e Diego Vázquez.