Martín destacou que “o bono busca implementar nos mozos e mozas o desfrute das actividades culturais e intenta recuperar o sector cultural que tan mal o pasou por culpa da pandemia”
Villarino definiu este bono como unha “proclama en favor da cultura, tan denostada polo PP, tamén en Ourense” antes de sinalar que Barbadás, cun goberno socialista, “é un exemplo de primar a cultura”
Barbadás, 12 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a aposta do Goberno central pola mocidade, con iniciativas como o Bono Cultural Mozo que xa usaron seis de cada dez mozos e mozas da nosa provincia. Este bono é unha axuda para a mocidade que cumpra 18 anos, coa que van dispoñer de 400 euros para a adquisición de produtos, servizos e actividades relacionadas co mundo da cultura. En total, case 500.000 mozos e mozas de toda España poden acabar beneficiándose desta axuda.
A cabeza de lista ao Congreso, Marga Martín, destacou que este bono ten un dobre obxectivo: “por unha banda intenta implementar nos mozos e mozas o desfrute das actividades culturais e por outra banda intenta recuperar o sector cultural que tan mal o pasou por culpa da pandemia”. “A primeira vez que saíu foi en xullo do ano pasado e durante os seis primeiros meses de vixencia xa foi solicitado por 1.164 ourensáns e ourensás”, anunciou a candidata.
Para Martín a iniciativa “é unha aposta polo futuro, xa que o PSOE quere mozos e mozas libres, cultos, críticos e ademais quere apoiar a un sector importante dentro da nosa economía 3,4 % do PIB e crea tamén emprego”. “O bono cultural compromiso claro do goberno pola xuventude e a cultura”, insistiu.
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Senado, Rafa Villarino, definiu este bono como unha “proclama en favor da cultura, tan denostada polo PP, tamén na cidade de Ourense” antes de sinalar que Barbadás, cun goberno socialista, “é un exemplo de primar a cultura”. “O obxecto é facer unha xuventude máis comprometida coa cultura; dinamizar un sector estratéxico para o noso país e, en definitiva, facer unha sociedade máis culta, con máis coñecemento e maior capacidade crítica”, insistiu antes de advertir que “a cultura non é un eixo alleo ao desenvolvemento, senón que é un eixo clave que permite o avance”.
A partir da concesión da axuda, as persoas beneficiarias dispoñen dun ano para utilizalo en produtos ou servizos culturais nos establecementos adheridos. O bono funciona cunha tarxeta prepago que as persoas beneficiarias poden ter en formato virtual no seu dispositivo móbil ou en formato físico. Para pedir os bonos da convocatoria vixente, os mozos e mozas que cumprisen ou vaian cumprir 18 anos en 2023, deben proceder a súa solicitude na páxina web www.bonoculturajoven.gob.es ata o próximo 30 de setembro.
O bono pode ser empregado en diferentes produtos culturais, que se dividen en tres tramos para favorecer a diversificación entre os distintos sectores culturais: 100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos; 100 euros para produtos dixitais, como prensa dixital, podcast, videoxogos en liña e plataformas virtuais e 200 euros para artes vivas como teatro, ópera, cinema, danza, museos ou espectáculos taurinos.
O obxectivo da iniciativa ten un dobre sentido: por unha banda, amosa o interese dun amplo espectro da poboación nova española pola cultura, que esta iniciativa axuda a fidelizar como público e consumidor cultural de fronte ao futuro; e, doutra banda, ofrece un respaldo adicional ao sector cultural para recuperarse da crise.