“Estamos cargados de enerxía para loitar coas mellores ferramentas contra as manipulacións, mentiras e maldades das dereitas, que terán tan pouco éxito como aportacións a unha sociedade que quere seguir adiante”, afirmou Villarino
Marga Martín puxo de manifesto que nestas eleccións “decídese co noso voto a dirección que toma España e se camiñamos cara adiante ou damos unha marcha atrás, como xa vimos cos pactos do PP e Vox”
Ourense, 17 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un encontro coa veciñanza esta tarde no Carballiño, no que os e as socialistas trasladaron a premisa de que este 23 de xuño hai que votar por unha España que “camiña unida na súa diversidade”, fronte a un modelo de PP e Vox, no que “só caben eles mesmos”. Dende o PSOE ourensán avogan por unha provincia que siga “avanzando” fronte a un modelo da dereita e a ultradereita que quere volver o “branco e negro”.
Nun acto celebrado no hotel Derby, e no que participaron centos de veciños e veciñas do Carballiño, os e as socialistas avogaron por un proxecto de “futuro” para a provincia de Ourense. Interviñeron no mesmo o alcalde do Carballiño, Paco Fumega; a cabeza de lista ao Congreso, Marga Martín; e o cabeza de lista ao Senado, Rafa Villarino.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega Piñeiro, foi o primeiro en tomar a palabra para destacar que a vila “precisa dun Goberno socialista que permita seguir avanzando en dereitos e en igualdade e que evite o retroceso aos tempos escuros da man do PP e Vox”. O rexedor socialista tamén puxo de manifesto que da man de Pedro Sánchez, O Carballiño “conseguiu que a Festa do Polbo pase a ser de Interese Turístico Internacional, o que permite potenciar unha das festas de maior relevancia da provincia, atraendo a un maior número de visitantes e dando maior visibilidade ao traballo dos carballiñeses e carballiñesas por potenciar esta cita cultura, festiva e gastronómica”.
Pola súa banda, a candidata ao Congreso dos Deputado, Margarita Martín Rodríguez, puxo de manifesto que nestas eleccións “decídese co noso voto a dirección que toma España e se camiñamos cara adiante ou damos unha marcha atrás, como xa vimos cos pactos do PP e Vox nos últimos días”. A cabeza de lista socialista fixo fincapé en que o próximo domingo “xogámonos avanzar ou retroceder” e neste senso puxo de exemplos que nos últimos anos “nunca houbo tantas oportunidades de traballar como ata agora, nunca as pensións froton tan xustas, nunca crecemos máis que Europa, nunca tivemos a inflación máis baixa, nin o salario mínimo interprofesional máis alto da historia”.
Por último, o candidato ao Senado, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que “da man do PSOE temos un mellor país, unha mellor Ourense, e iso que pasamos por a pandemia máis dura do último século, a erupción do volcán e unha invasión que trocou en guerra e na que aínda estamos”. O cabeza de lista dos socialistas ourensáns ao Senado tamén puxo de manifesto que “agora temos experiencia e coñecementos para afrontar desastres, e un presidente e un Goberno curtidos en mil batallas”, e apuntou que “estamos cargados de enerxía para loitar coas mellores ferramentas contra as manipulacións, mentiras e maldades das dereitas, que terán tan pouco éxito como aportacións a unha sociedade que quere seguir adiante”.