Martín asegurou que os cartos públicos para becas e bolsas incrementáronse un 44 % durante o goberno de Sánchez: “de 1.493 millóns en 2017 a case de 2.000 millóns no curso 2021-2022”
Villarino dixo que o PSOE aprobou o orzamento máis alto da historia para educación e recordou que “todas as medidas de reforzo neste ámbito que foran suprimidas polo PP, foron recuperadas por Sánchez”
Ourense, 18 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE salienta que repetir as becas e bolsas máis altas da historia para os e as estudantes ourensáns, só será posible se Pedro Sánchez repite como presidente do Goberno de España a partir do próximo domingo 23 de xullo. Os e as socialistas destacaron hoxe desde a contorna da biblioteca Nós do Complexo Cultural de San Francisco, que máis de 3.200 persoas da provincia reciben becas e bolsas do Executivo central. No conxunto de Galicia, 55.892 estudantes universitarios e non universitarios foron beneficiarios destas becas.
Ademais, os e as estudantes ourensáns con bolsa ou beca durante o curso 2022-2023, xa comezaron a cobrar unha axuda única complementaria de 400 euros para reducir o impacto económico derivado da invasión de Ucraína. O goberno de Sánchez destinou durante o último exercicio uns 6,4 millóns de euros para sufragar as becas da veciñanza de Ourense, con diferentes importes en función da súa renda e situación familiar.
A cabeza de lista ao Congreso, Marga Martín, asegurou que os cartos públicos para becas e bolsas incrementáronse un 44 % durante o goberno de Sánchez: “de 1.493 millóns en 2017 a case de 2.000 millóns no curso 2021-2022”. Os candidatos e candidatas socialistas insisten en que “o goberno do Partido Popular recortaba o número de becas, o seu importe por persoa e incluso aprobaba novas trabas para acceder a estas bolsas, algo que Vox o PP queren volver a facer porque xa anunciaron a volta da austeridade”. “O PSOE é un partido que sempre tenta que o importe das becas sexa moi grande, que se incremente, porque é unha ferramenta importantísima para impulsar a igualdade de oportunidades e para a mobilidade social”, salientou a candidata ourensá á Cámara Baixa.
Pola súa banda, Rafa Villarino, cabeza de lista ao Senado, puxo en valor estas becas e bolsas recordando que estaban a carón da “Biblioteca Nós, do Arquivo Histórico, dúas obras do Partido Socialista”, dúas obras que “teñen que ver coa aposta pola nosa aposta nuclear pola cultura e pola educación, algo clave para o ascensor social. “O PSOE aprobou o orzamento máis alto da historia para educación con 6.408 millóns de euros neste 2023”, recordou Villarino antes de afirmar que “todas as medidas de acompañamento e reforzo neste ámbito que foran suprimidas polo PP, foron recuperadas polo goberno de Pedro Sánchez para que as persoas en desvantaxe, poidan superar esa eiva”.
O complexo de San Francisco: a aposta de Sánchez pola cultura
O PSdeG-PSOE quixo destacar as grandes melloras do PSOE nas becas e bolsas para estudos desde a praza central do Complexo Cultural de San Francisco da terceira cidade de Galicia, unha obra clave para a nosa cidade e a nosa provincia, xa que alí se atopan, entre outros, dous dos grandes investimentos do Estado que o executivo de Sánchez puxo en servizo desde que chegou a La Moncloa: a nova Biblioteca Nós e o novo Arquivo Histórico Provincial. Ambos supuxeron un investimento do Estado que superou os 16 millóns de euros.
“O Goberno de España, na súa decidida aposta pola cultura desta cidade, contribuíu a darlle un pulo definitivo a San Francisco, desbloqueando as obras e finalizando investimentos históricos”, sinalan desde o PSOEde Ourense, unha actitude, afirman, contraposta á “preocupante descoordinación e desleixo do Concello e da Xunta de Galicia co complexo”.