Ribadavia acollerá mañá a gala de clausura das XXXVIII Xornadas de Folclore coa actuación das seis agrupacións participantes

As XXXVIII Xornadas de Folclore entran esta noite na súa recta final coa actuación das seis agrupacións folclóricas na Praza Maior da cidade. Previamente, os 180 compoñentes dos grupos dos catro continentes, participantes nesta edición de 2023, realizarán un colorido desfile pola rúa do Paseo, partindo do Parque de San Lázaro. A cita co folclore do mundo comezará ás 22, 30 horas.

O grupo  Bafopaz de Bolivia encabezará o desfile desta noite, seguido do grupo tahitiano  Hei Show Tahití “Ori”, dos ecuatorianos de Tungurahua, os arxentinos de Bafolse e os sudafricanos de Amezebra. Os compoñentes do grupo ucraíno Poltava serán os responsables de pechar este colorido percorrido pola rúa do Paseo como preámbulo das actuacións na Praza Maior de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

A partir das 23,00 horas, as agrupacións folclóricas participantes amosarán ao público presente as danzas e a música tradicionais que representan aos seis países que participan nesta XXXVIII edición das Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

A orde de intervención neste penúltimo espectáculo será: Bolivia, Tahití, Ecuador, Ucraína, Arxentina, Bolivia, Sudáfrica e Ucraína. Mais dunha hora de actuacións no que o público poderá disfrutar do traballo de recuperación e transmisión do folclore, desenvolvido polas seis agrupacións.

Mañá, 16 de agosto: Ribadavia

O Auditorio do emblemático Castelo de Ribadavia acollerá mañá o último espectáculo destas XXXVIII Xornadas de Folclore coa actuación, nun pase único, das seis agrupacións folclóricas participantes nesta edición de 2023. Será ás 23. 00 horas.